17.9.06

Depor 2 - Villareal 0: sen creación pero con moitas cousas

O Villareal chegaba a Riazor tocado: despois de reforzarse moi ben durante o verán a base de talonario, comezara a liga como un dos equipos que debían loitar durante o ano para estar na Champions, pero tras empatar no Bernabeu na primeira xornada e de perder en casa a pasada semana contra o Recre, chegaba cargado de dúbidas. O sorprendente é tentar facer fronte a estas dúbidas con Cani e Forlán no banquillo, pero hai tempo que abandonei a idea de entender aos entrenadores. Nun partido irregular, o Depor, sen xogar fútbol total, e sen creatividade nos tres cuartos, pero coa seriedade, ilusión, entrega, unidade, velocidade, presión, solvencia e sorte do primeiro partido de liga, gañou sen grandes dificultades. Cando o partido estaban comezando, Capdevila rompeu a escuadra nun disparo cruzado a perna cambiada dende 30 metros. Impresionante. O Depor administrou a vantaxa sen moitos problemas ata que na segunda parte unha falta moi ben sacada por Riki o balón cae a 3 metros da portería nos pes de Capdevila de novo, que marcaba con tranquilidade o segundo. O Villarreal tivo algunha ocasión puntual, moi ben resolta por Aouate. Hai porteiro. O resto do tempo adicáronse a dar leña, a xogar sucio, a buscar a perna dos xogadores do Depor. Seguindo o ritmo do desgraciadamente famoso Peña, que paradóxicamente se retirou lesionado, encamiñaron a sua frustración da forma máis fea posible. Caparrós, como se esperaba, cambiou o plantexamento (non)ofensivo, abandonou o cuatrivote e apostou por Arizmendi e Cristian nas bandas, e Riki en punta. Riki é moitísimo mellor que Bodipo, ten potencia, rompe a pelota, vai pouco a pouco adquirindo a súa velocidade, protexe moi ben o balón, e ten un regate en corto fantástico. Queda por ver cantos goles será capaz de aportar cando teña un conxunto de partidos seguidos, pero promete moito, e saiu ovacionado de Riazor. Cristian non chega ao 1,70, ten cara de despistado e pouca forza, pero suple isto con un ritmo frenético, moita velocidade e un fantástico regate. Aportou moito hoxe e saiu ovacionado tamén no seu troco. Arizmendi, pola sua parte, ainda que non xogou un partidazo, segue aportando cousas, ten un fondo físico tremendo e unha velocidade en carreira espectacular. A súa arrincada de 60 metros nos últimos minutos do partido merecía rematar en gol. A liña ofensiva non está mal, o problema está na creación, coma sempre: Valerón non está, e os que teñen o perfil máis próximo (Verdú e Iago) non contan para Caparrós de momento. As alternativas de Juan Rodríguez e Sergio non funcionan en ataque, merecendo este último unha mención especial ás suas pedradas. Haberá que esperar para ver fútbol total en Riazor. A defensa, iso si, segue bastante seria e solvente, con Barragán en plan estrela (potencia, anticipación, descaro, chegada). E diante dela, Coloccini fixo un partido soberbio, cortando balóns constantemente e sacándoos con criterio. O Depor ten carencias, como é lóxico, pero segue a aportar moitas cousas e a ilusionar, que é agora mesmo o importante. Os comezos de temporada marcan máis a traxectoria no campeonato do que moitas veces pensamos.

No comments: