20.11.06
Depor 0 - Celta 1: o xusto tería sido o empate
En primeiro lugar, quero dicir publicamente que se o xogo do Depor cando vaia por detrás no marcador vai ser bombear balóns durante 30 minutos a un tipo que é moi alto, renunciando por completo ao xogo de combinación, eu prefiro queimar o meu carné de socio e quedar na casa facendo calquera outra cousa. Menos mal que ata Caparrós admite que se equivocaron.
Dito isto, o partido tivo tres etapas moi diferenciadas: (1) O encefalograma plano de 45 minutos que foi a primeira parte: aburrida e absolutamente insulsa, con cero disparos por dentro dos tres paos por parte dos dous equipos; (2) a saída en tromba do Depor no segundo tempo, que durou 15 minutos de fútbol de altura, no que se notou positivamente a ausencia de Sergio, un verdadeiro tronco no centro do campo, e durante o cal destacaron Verdú, Cristian e Estoyanoff, pero que rematou desafortunadamente cun gol do Celta nun contraataque no que o repliegue do Depor foi moi moi moi malo; e (3) os 30 minutos de balóns lanzados sen ningún perigo dende 40 metros a Taborda, para a comodidade da defensa visitante e a desesperación do que escrebe.
O equipo deixa cousas para a esperanza: Verdú é un superclase que pode chegar a aportar moito se participa máis, Cristian ten movilidade, regate, descaro e chegada, e Estoyanoff aporta frescura e desborde pola banda. Arbeloa desplégase con clase e ten solvencia en defensa, pero andivo descolocado nalgunhas xogadas de perigo, incluindo o gol (non é lateral). Riki ten detalles, pero non aporta creatividade perto do área e leva 1 gol en 11 partidos sendo dianteiro centro a maior parte do tempo, ten que ir a máis ou notarémolo.
O demáis, bastante mal, sobre todo destacando o xogo moi mediocre de Sergio e Juanma, este último o escollido intelixentemente polo Celta para deixarlle sacar o balón, porque non lle dá a un baúl. Para min, os dous merecen ser suplentes indiscutibles neste equipo. O resto, mediocres sen máis, nin fu nin fa.
Agora quedamos nun punto perigoso de metade exacta da taboa, que fai que os próximos 3 ou 4 partidos sexan de vital importancia para definir as perspectivas coas que imos entrar na segunda volta. Paciencia.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment