4.12.06

Depor 0 - Racing 0: é o que hai

Desta volta non xogaron Juanma e Sergio, aos que eu apontei como rémoras para o ataque, no que me sigo mantendo. Nesta ocasión había xogadores un pouco máis ofensivos sobre o campo, sen laterais adiantados ou centrais na banda. A declaración de intencións de Caparrós foi ben distinta que no partido de Osasuna, había que buscar o toque e a combinación, pero aconteceu o mesmo de sempre: non lle facemos un gol ao arco da vella. Nin con 11, nin con 10, nin con 9. Non se crean case ocasións, e as poucas que hai, mándanse fora. É dificil buscar causas ou culpables específicos do que comeza a ser unha crise moi seria (3 puntos -en tres empates- dos últimos 18, pero sobre todo xogo rácano e sen chegada), motivada por múltiples factores, pero a realidade non se pode discutir, e isto comeza a dar bastante inseguridade a unha afición que, por outra banda, segue desconectada do equipo (menos de media entrada hoxe, e unha tremenda frialdade nas bancadas durante os 90 minutos). Haberá que rezar a San Valerón, esperar que algunha vez Riki afine a puntería, e confiar en que tres ou catro xogadores que deberían ser chave no equipo pasen a rendir moito máis do que o están a facer agora. Caparrós na rolda de prensa díxoo alto e claro, por primeira vez dende que é entrenador do Deportivo: "o único obxectivo este ano é a permanencia". El pensa que non hai mimbio para máis. A miña opinión era distinta, pensaba que podíamos estar entre os 8 primeiros, pero pode que estivera valorando de máis a calidade e experiencia dos xogadores que temos. Xa non estou seguro de nada, e precisarei de semanas para ir eliminando algunhas incertidumes que me dominan ultimamente. O único que teño claro é que o fútbol, hoxe, en Riazor, saiu derrotado, nun lamentable partido que concluiu nun xusto empate sen gois. O espectáculo, para outro dia, ou pode que para outro ano...

No comments: