8.12.06

O depor é Brasil

Na entrevista que o gran Bebeto fixo para a RCD (revista oficial do Deportivo) con motivo da súa participación no partido homenaxe ao Superdepor, fai unha afirmación que -penso- ben merece unha entrada neste blog. Falando da importancia de Mauro, Rivaldo, Djalminha, Donato ou el mesmo na historia do clube, di: "El Depor es Brasil". Non podo estar máis de acordo coa frase. A historia recente do Depor, os anos nos que pasou de ser un descoñecido equipo humilde de segunda división a ser un dos grandes da Liga Española e de Europa, non pode ser comprendida sen analizar a importancia dos seus xogadores brasileiros. En que momento a directiva branquiazul deixou de crer na canteira brasileira? En que momento decidiron deixar de mirar no berce do "xogo bonito" para buscar noutros lugares? O diñeiro non pode ser o motivo, porque en Brasil non todos son Robinhos e Kakás, e hai moitos xogadores descoñecidos que poden dar bo resultado, e que nunca darán perdas nin deportivas nin económicas. Que miren senón ao Sevilla, por exemplo, coa súa columna vertebral mestura de canteira local e canteira brasileira. Alguén pode explicar que lle aconteceu ao Depor para deixar de crer na maxia brasileira? Agora que temos tanta falla de creatividade no plantel, é necesario sacar da chisteira un par de xogadores brasileiros franquicia, case descoñecidos, con proxección, que podan voltar a emocionar Riazor coa súa capacidade única para reinventar o fútbol. Señores directivos, permitan que o Depor siga sendo Brasil.

No comments: