8.12.06

O "mes da morte" para o Deportivo

Se non fora porque para os medios de comunicación españois non existe máis que o Madrid e o Barcelona (este último para comparalo co Madrid); se non fora porque pouco a pouco a luz do Superdepor vaise pouco a pouco apagando sen que ninguén o remedie; se non fora porque os medios locais non teñen a suficiente forza na opinión pública, estaría en boca de todos os amantes dos titulares chamativos que estamos a piques de comezar o "mes da morte" (ou da vida, isto está por ver), para o proxecto do mal chamado "babydepor". Agardan Valencia, Bilbao, Sevilla e Madrid. Os dous primeiros, moi necesitados de puntos. Os dous últimos, imparables na Liga ata agora. Se sacamos bos resultados, a moral do equipo sairá reforzada, e afianzaremos unha posición no medio da taboa lonxe dos postos de perigo e incluso, sendo optimistas, con aspiracións aos últimos postos de Europa. Se os resultados son negativos, o descenso na clasificación que comezou hai 6 xornadas podería coller tintes dramáticos, e os nervos dun plantel xa de por si inexperto poderían provocar momentos complicados. É fundamental conseguir algo en Valencia e gañar en casa ao Bilbao para poder afrontar os partidos do Sevilla e o Madrid con tranquilidade. A primeira proba de madurez para o cadro de Caparrós comeza o domingo e rematará a mediados de xaneiro coa visita do Madrid a Riazor. Crucemos os dedos.

No comments: