6.12.06

Saudade de Champions League

Hai unhas horas, vendo o partido do Nou Camp, no que o Barcelona tiña que gañar para seguir vivo na Champions, entroume moita saudade dos tempos, recentes pero que xa se ven aló ao lonxe, nos que o Depor participaba nesta competición. Lembrei o ambiente de gala en Riazor, a música antes do partido que pon a pel de galiña, a remontada épica contra o Milán, a viaxe a Porto para soñar coa final e a decepción no partido de volta en casa, os golazos de Mackay, Tristán, Djalminha ou Fran... non puiden evitar pensar que é posible que pase bastante tempo ata que voltemos a vivir esas sensacións, a estar entre os 20 escollidos de Europa. Non podía ser doutro xeito: agora que non o temos valoramos en toda a sua dimensión o que significaron estes anos. Nestes días complicados, cando Caparrós fala de que o obxectivo actual é a permanencia (en palabras máis despectivas: "seguir jugando con el Real Madrid"), debería ter máis en conta o que foi este equipo nos últimos anos, e facer o que di Santi Segurola que sempre fixo o Athletic the Bilbao nos seus anos épicos: facer aos seus xogadores xogar por enriba das suas posibilidades, apoiados na épica da historia recente deste clube. Conformarse con loitar pola permanencia é un exercicio de apatía que pode ser interpretado por moitos como unha falta de respeto polo que ainda queda do que fomos. Esperábamos -e ainda esperamos- máis de Caparrós e deste equipo.

No comments: