27.11.06

Alarma no Depor

Os partidos desastrosos dos intocables Sergio e Juanma, na sua liña de xogadores de moi baixo nivel. As dúbidas e cambios constantes de Caparrós, que comezou o partido de hoxe en Pamplona con 8 xogadores de corte defensivo (remedio surreal para loitar contra a escasez goleadora). A inexperiencia lóxica da plantilla. A carencia creativa no medio campo e a ineficacia dos goleadores. Os resultados: 3 derrotas e 2 empates nos últimos 5 partidos, 2 puntos de 15 posibles. A falta de diñeiro para solucionar posibles problemas. A imaxe de inocencia e impotencia de hoxe co 4-1 en contra... Motivos suficientes para a alarma.

22.11.06

En defensa de Taborda

Antes de que as sempre mellorables tertulias radiofónicas locais coruñesas eliminen a Taborda -que non é Maradona, sen dúbida- da faz da terra, vou romper aqui unha lanza na súa defensa. A culpa dos vergoñentos 30 minutos de pelotazos de 40 metros do partido do outro día contra o Celta non foi súa, el bastante fixo con tocar o 90% deses pelotazos tentando baixalos e facer algo mínimamente útil para o seu equipo. A culpa foi de todos menos del. Un servidor pensaba, usando un mínimo de lóxica, que o erro fora de Caparrós, que dera instruccións de abandonar o que Fabio Capello deu en chamar ex-fútbol, e pasar á acción directa (tamén chamada patadón e a correr). Pero cal é a miña sorpresa cando leo que non foi loucura individual do entrenador, senón tolería colectiva de todos, ou case todos, os xogadores, que confirmaron hoxe que a "táctica" escollida foi froito dos nervos e a impotencia, e que as ordes de Caparrós eran desbordar ata liña de fondo para centrar, enton si con perigo, ao dianteiro centro. Esperemos que a vindeira vez lle fagan máis caso ao entrenador, sobre todo en cousas tan obvias como esta. Ver para crer.

21.11.06

Xogando a ser Caparrós

Pídenme que me molle, e móllome; o meu equipo titular a día de hoxe para o Depor é o seguinte:
  • Porteiro: Aouate
  • Defensa: Barragán, Arbeloa, Lopo, Filipe Luis
  • Centro do campo: Cristian, Verdú, Coloccini
  • Ataque: Estoyanoff, Riki, Arizmendi
E cando se recuperen Andrade e Valerón (se voltan ao máximo nivel): métoos en lugar de Lopo (rotando con Arbeloa) e Arizmendi (subindo a Christian e baixando a Valerón para por fin ter a dous xogadores no mediocampo de calidade). Non lles daría ningún minuto a Juanma, Sergio e Capdevila (os tres transferibles, que ademáis están cotizados), e cedería a Iago para ver se colle ritmo sendo titular nun equipo punteiro de segunda división.

20.11.06

Depor 0 - Celta 1: o xusto tería sido o empate

En primeiro lugar, quero dicir publicamente que se o xogo do Depor cando vaia por detrás no marcador vai ser bombear balóns durante 30 minutos a un tipo que é moi alto, renunciando por completo ao xogo de combinación, eu prefiro queimar o meu carné de socio e quedar na casa facendo calquera outra cousa. Menos mal que ata Caparrós admite que se equivocaron. Dito isto, o partido tivo tres etapas moi diferenciadas: (1) O encefalograma plano de 45 minutos que foi a primeira parte: aburrida e absolutamente insulsa, con cero disparos por dentro dos tres paos por parte dos dous equipos; (2) a saída en tromba do Depor no segundo tempo, que durou 15 minutos de fútbol de altura, no que se notou positivamente a ausencia de Sergio, un verdadeiro tronco no centro do campo, e durante o cal destacaron Verdú, Cristian e Estoyanoff, pero que rematou desafortunadamente cun gol do Celta nun contraataque no que o repliegue do Depor foi moi moi moi malo; e (3) os 30 minutos de balóns lanzados sen ningún perigo dende 40 metros a Taborda, para a comodidade da defensa visitante e a desesperación do que escrebe. O equipo deixa cousas para a esperanza: Verdú é un superclase que pode chegar a aportar moito se participa máis, Cristian ten movilidade, regate, descaro e chegada, e Estoyanoff aporta frescura e desborde pola banda. Arbeloa desplégase con clase e ten solvencia en defensa, pero andivo descolocado nalgunhas xogadas de perigo, incluindo o gol (non é lateral). Riki ten detalles, pero non aporta creatividade perto do área e leva 1 gol en 11 partidos sendo dianteiro centro a maior parte do tempo, ten que ir a máis ou notarémolo. O demáis, bastante mal, sobre todo destacando o xogo moi mediocre de Sergio e Juanma, este último o escollido intelixentemente polo Celta para deixarlle sacar o balón, porque non lle dá a un baúl. Para min, os dous merecen ser suplentes indiscutibles neste equipo. O resto, mediocres sen máis, nin fu nin fa. Agora quedamos nun punto perigoso de metade exacta da taboa, que fai que os próximos 3 ou 4 partidos sexan de vital importancia para definir as perspectivas coas que imos entrar na segunda volta. Paciencia.

19.11.06

Ligamentos

16 roturas de ligamentos no que vai de ano. Un 30% máis que o ano pasado e unha orde de magnitude máis que hai unha década. Alguén tería que facer unha reflexión sobre o que está a acontecer coas lesións deste tipo no fútbol moderno. Partido si partido non, algún xogador, normalmente sen mediación dun rival, apoia mal, carga todo o peso sobre o xeonllo, e crack: 6 meses sen xogar, no mellor dos casos. Cal é o motivo do incremento? A velocidade á que se xoga? O estado dos terreos? O entrenamento defectuoso? A sobrecarga de partidos e tensión? A funesta casualidade? Algún médico na sala? (Por certo, aproveito para enviar ánimos a David Fernández "Maradona", o mellor futbolista da canteira coruñesa dende que aparecera Fran, incomprendido na nosa cidade e exiliado en Escocia, e que sufriu unha destas -en versión múltiple- hai un par de semanas e afronta 10 meses de baixa e moita incertidume sobre o seu futuro como futbolista profesional)

O nome internacional do Depor

Aproveito este día de derbi Galego para facer unha modesta petición aos directivos e accionistas do Depor: loitemos entre todos porque o noso equipo sexa un referente da galeguidade, e comezemos por galeguizar/normalizar o seu nome. Cando un vai polo mundo, ter que escoitar como nome do seu equipo "Deportivo La Coruña" (sic) non é agradable. Primeiro, porque non é o nome actual, e segundo, porque -polémicas á marxe- o nome oficial da cidade a dia de hoxe é A Coruña. Ademáis, alén das ideas políticas de cada un, de se é galegofalante ou non, do nome que use cada un para a cidade cando fala castelán, das normativas que cada un defende para o Galego, é bonito que os equipos capitalicen o valor simbólico das manifestacións culturais da terra na que naceron. De igual xeito que a universidade da nosa cidade ten como nome oficial Universidade da Coruña, ou o noso goberno Xunta de Galicia, o equipo de fútbol da cidade debería "falar galego". Cando comezamos unha campaña para que o nome oficial do Depor pase a ser "Deportivo da Coruña" (como primeiro paso para unha maior galeguización do clube)?

Protexe Caparrós a Barragán para o Depor?

Comezou como a revelación da temporada na Coruña. Novo, elegante, con descaro, firme en defensa e perigoso nas incorporacións. Unha das fichaxes máis acertadas, dos máis queridos polo público. Titular indiscutible para Caparrós nos primeiros partidos do ano. Pero bastaron dous partidos con dúbidas en defensa para que Barraguán pasase a ser suplente habitual xornada tras xornada. Está Caparrós protexendo ao Depor para que o xogador non sexa recuperado polo Liverpool a final de ano? Tería lóxica facer iso durante este e o próximo ano (as opcións de recuperación que mantén o equipo inglés son para o final dos dous primeiros anos)? Ou trátase só de especulacións sen fundamento dun servidor e a realidade é que Caparrós prefire -de momento- un lateral dereito con maior capacidade defensiva e algo máis de veteranía?

18.11.06

A importancia dos goleadores

Pode semellar obvio, pero non é, na miña opinión, destacado suficientemente nos tempos que corren: os equipos con goleadores en estado de gracia están nas primeiras posicións da clasificación, invariablemente. Tanto discurso indicando que o fútbol ofensivo xa non existe, e que todo é físico e defensa, para finalmente concluir isto. Se un mira os catro primeiros postos na clasificación actual do "Pichichi", ve con 8 goles a Ronaldinho, Diego Milito, Kanouté e Van Nistelrooy, seguidos de Morientes e Villa, ambos con 5. Estes xogadores pertencen a cinco dos seis primeiros clasificados na actualidade (Barcelona, Sevilla, Real Madrid, Zaragoza e Valencia). Só o Getafe, quinto, con un número ridículo de goles a favor (menos da metade que os demáis), é quen de se meter nesa taboa con fútbol de contención e menos chegada, e veremos por canto tempo. O Depor, nestes momentos, ademáis de crear pouco, e a falta de que algunhas das novas adquisicións podan reivindicarse, carece de creación e de finalizadores. Levamos 10 goles en 10 partidos de liga, e a maior parte deles marcados por defensas ou medios defensivos (1 de Barragán, 2 de Capdevila, 2 de J. Rodriguez, 1 Sergio, 3 Arizmendi e 1 Riki).

As dúas caras do Depor

O depor deste ano ten duas caras ben diferenciadas. Por unha banda, a dun equipo cheo de xuventude, agresividade e orde, que non ten medo a xogar con ninguén, e que pode plantexar serios problemas a calquera dos equipos da parte alta da taboa. Por outra banda, a dun equipo cutre, sen liña central de creación, conservador -especialmente fora da casa-, que pode empatar con equipos recén ascendidos sen ter unha ocasión de gol en 90 minutos de xogo. Unha cara ilusiona e fai soñar, e a outra frusta e fai temer o peor. Os últimos resultados, un empate en Riazor co Barça nun partido cheo de tensión e alternativas, unha derrota con clasificación por penalties ante o Racing, un equipo en teoría bastante inferior, e un empate raquítico no campo do Nastic, non fan máis que confirmar esta doble tendencia. Ante os equipos grandes, que xogan a deixan xogar, a agresividade aparece e tápanse as carencias creativas. Ante os equipos pequenos e fechados, non existe abrelatas e o resultado é case sempre de empate ou, se o equipo contrario ten chegada á contra, derrota. Precisamos urxentemente que Verdú asuma máis protagonismo na creación, que Riki axuste o punto de mira, e por enriba de todo, que se recupere Valerón. Do contrario, a tendencia que levamos de ir perdendo lentamente postos na clasificación pode prolongarse.