12.12.06

Valencia 4 - Deportivo 0: nada de nada

Pois iso, nada de nada. Nin ataque nin defensa. Non metemos un gol a ninguén, e xa van duas veces en poucos partidos que recibimos 4. Se a isto unimos que Villa foi pouco deportivo inventando un penalty que supuxo o 2-0 e a expulsión de Juanma, o resultado non debería ser unha sorpresa para ninguén. Non vou comentar moito máis, é o mesmo dos últimos posts, non hai creación de ningún tipo, e o equipo non xoga a nada. Antes había confianza en defensa pero nos últimos partidos isto tamén está a comezar a escasear. Como di sempre Valdano, o fútbol é un estado de ánimo, e o do Depor agora mesmo é de depresión. O sábado, ás 8, o partido será unha final para o Depor, que precisa os tres puntos tanto para evitar caer aos postos de perigo da clasificación (o desdenso ainda está a 7 puntos gracias ás victorias en casa iniciais) como para facer crer aos xogadores que non son tan malos como os últimos 7 resultados poden facer pensar. Porque non o son. O sábado, ás 8, todos a Riazor.

8.12.06

O depor é Brasil

Na entrevista que o gran Bebeto fixo para a RCD (revista oficial do Deportivo) con motivo da súa participación no partido homenaxe ao Superdepor, fai unha afirmación que -penso- ben merece unha entrada neste blog. Falando da importancia de Mauro, Rivaldo, Djalminha, Donato ou el mesmo na historia do clube, di: "El Depor es Brasil". Non podo estar máis de acordo coa frase. A historia recente do Depor, os anos nos que pasou de ser un descoñecido equipo humilde de segunda división a ser un dos grandes da Liga Española e de Europa, non pode ser comprendida sen analizar a importancia dos seus xogadores brasileiros. En que momento a directiva branquiazul deixou de crer na canteira brasileira? En que momento decidiron deixar de mirar no berce do "xogo bonito" para buscar noutros lugares? O diñeiro non pode ser o motivo, porque en Brasil non todos son Robinhos e Kakás, e hai moitos xogadores descoñecidos que poden dar bo resultado, e que nunca darán perdas nin deportivas nin económicas. Que miren senón ao Sevilla, por exemplo, coa súa columna vertebral mestura de canteira local e canteira brasileira. Alguén pode explicar que lle aconteceu ao Depor para deixar de crer na maxia brasileira? Agora que temos tanta falla de creatividade no plantel, é necesario sacar da chisteira un par de xogadores brasileiros franquicia, case descoñecidos, con proxección, que podan voltar a emocionar Riazor coa súa capacidade única para reinventar o fútbol. Señores directivos, permitan que o Depor siga sendo Brasil.

O "mes da morte" para o Deportivo

Se non fora porque para os medios de comunicación españois non existe máis que o Madrid e o Barcelona (este último para comparalo co Madrid); se non fora porque pouco a pouco a luz do Superdepor vaise pouco a pouco apagando sen que ninguén o remedie; se non fora porque os medios locais non teñen a suficiente forza na opinión pública, estaría en boca de todos os amantes dos titulares chamativos que estamos a piques de comezar o "mes da morte" (ou da vida, isto está por ver), para o proxecto do mal chamado "babydepor". Agardan Valencia, Bilbao, Sevilla e Madrid. Os dous primeiros, moi necesitados de puntos. Os dous últimos, imparables na Liga ata agora. Se sacamos bos resultados, a moral do equipo sairá reforzada, e afianzaremos unha posición no medio da taboa lonxe dos postos de perigo e incluso, sendo optimistas, con aspiracións aos últimos postos de Europa. Se os resultados son negativos, o descenso na clasificación que comezou hai 6 xornadas podería coller tintes dramáticos, e os nervos dun plantel xa de por si inexperto poderían provocar momentos complicados. É fundamental conseguir algo en Valencia e gañar en casa ao Bilbao para poder afrontar os partidos do Sevilla e o Madrid con tranquilidade. A primeira proba de madurez para o cadro de Caparrós comeza o domingo e rematará a mediados de xaneiro coa visita do Madrid a Riazor. Crucemos os dedos.

6.12.06

Galiza - Ecuador, 28 de decembro en Riazor

Saudade de Champions League

Hai unhas horas, vendo o partido do Nou Camp, no que o Barcelona tiña que gañar para seguir vivo na Champions, entroume moita saudade dos tempos, recentes pero que xa se ven aló ao lonxe, nos que o Depor participaba nesta competición. Lembrei o ambiente de gala en Riazor, a música antes do partido que pon a pel de galiña, a remontada épica contra o Milán, a viaxe a Porto para soñar coa final e a decepción no partido de volta en casa, os golazos de Mackay, Tristán, Djalminha ou Fran... non puiden evitar pensar que é posible que pase bastante tempo ata que voltemos a vivir esas sensacións, a estar entre os 20 escollidos de Europa. Non podía ser doutro xeito: agora que non o temos valoramos en toda a sua dimensión o que significaron estes anos. Nestes días complicados, cando Caparrós fala de que o obxectivo actual é a permanencia (en palabras máis despectivas: "seguir jugando con el Real Madrid"), debería ter máis en conta o que foi este equipo nos últimos anos, e facer o que di Santi Segurola que sempre fixo o Athletic the Bilbao nos seus anos épicos: facer aos seus xogadores xogar por enriba das suas posibilidades, apoiados na épica da historia recente deste clube. Conformarse con loitar pola permanencia é un exercicio de apatía que pode ser interpretado por moitos como unha falta de respeto polo que ainda queda do que fomos. Esperábamos -e ainda esperamos- máis de Caparrós e deste equipo.

5.12.06

Marco Van Basten de chilena na 92/93

Deixemos o presente por uns segundos, e viaxemos da man de Marco Van Basten, un dos mellores dianteiros centro de todos os tempos, á temporada 92/93. Unha chilena de libro, nada que ver con algunhas que se ven ultimamente, seguramente moito máis mediáticas que naquela altura. Disfruten.

4.12.06

Depor 0 - Racing 0: é o que hai

Desta volta non xogaron Juanma e Sergio, aos que eu apontei como rémoras para o ataque, no que me sigo mantendo. Nesta ocasión había xogadores un pouco máis ofensivos sobre o campo, sen laterais adiantados ou centrais na banda. A declaración de intencións de Caparrós foi ben distinta que no partido de Osasuna, había que buscar o toque e a combinación, pero aconteceu o mesmo de sempre: non lle facemos un gol ao arco da vella. Nin con 11, nin con 10, nin con 9. Non se crean case ocasións, e as poucas que hai, mándanse fora. É dificil buscar causas ou culpables específicos do que comeza a ser unha crise moi seria (3 puntos -en tres empates- dos últimos 18, pero sobre todo xogo rácano e sen chegada), motivada por múltiples factores, pero a realidade non se pode discutir, e isto comeza a dar bastante inseguridade a unha afición que, por outra banda, segue desconectada do equipo (menos de media entrada hoxe, e unha tremenda frialdade nas bancadas durante os 90 minutos). Haberá que rezar a San Valerón, esperar que algunha vez Riki afine a puntería, e confiar en que tres ou catro xogadores que deberían ser chave no equipo pasen a rendir moito máis do que o están a facer agora. Caparrós na rolda de prensa díxoo alto e claro, por primeira vez dende que é entrenador do Deportivo: "o único obxectivo este ano é a permanencia". El pensa que non hai mimbio para máis. A miña opinión era distinta, pensaba que podíamos estar entre os 8 primeiros, pero pode que estivera valorando de máis a calidade e experiencia dos xogadores que temos. Xa non estou seguro de nada, e precisarei de semanas para ir eliminando algunhas incertidumes que me dominan ultimamente. O único que teño claro é que o fútbol, hoxe, en Riazor, saiu derrotado, nun lamentable partido que concluiu nun xusto empate sen gois. O espectáculo, para outro dia, ou pode que para outro ano...

3.12.06

Adrián: agardando a oportunidade

Deixo aquí unhas imaxes dalgúns goles de Adrián no Oviedo, obtidas en Futbolecciones, onde tamén se comentan algunhas das virtudes máis destacadas do xovencísimo xogador do Depor.

Notas breves sobre a actualidade

Hoxe vai a cousa de notas breves sobre o mundo do fútbol:
  • Recomendo o excelente artigo de Marti Pernau sobre os motivos das reiteradas lesións de ligamentos cruzados nos últimos anos, das que falábamos hai unhas semanas. Lectura obrigada.
  • O señor Irureta leva 9 puntos de 38 posibles no Betis. Ten os dias contados, como era de esperar.
  • Non sei se é peor escoitar ao trio Salinas-Kiko-Montes ou os comentarios sempre pedantes do "Chapi" Ferrer. Por favor, señores da Sexta, consideren a opción do silencio, se non teñen nada mellor que dicir.
  • O do Recre de Viqueira (32 anos, de Santiago de Compostela) comeza a parecer algo serio este ano. Un equipo recén ascendido e cheo de descoñecidos, pero que está consolidandose como candidato a UEFA. Viqueira é a día de hoxe a única froita da canteira deportivista titular indiscutible na primeira división, se non me engano.
E sobre o Depor:
  • Sergio, ademáis de mal xogador, non é bo compañeiro, como se pode deducir das declaracións recentes nas que afirmaba que debía xogar sempre, entre outras palabras "humildes".
  • Esperemos que tanto o devandito como Juanma non xoguen mañá, como indican as previsións. Sería de gran axuda para tentar crear algo de fútbol ofensivo.
  • Contrastan as palabras do "veterano" xogador catalán coas de Arbeloa, que pouco a pouco gaña un posto na titularidade e na lista de persoas que merecen a pena dentro da plantilla deportivista.
  • Se non gañamos mañá ao Racing, a crise será real, pero o peor será aturar ao señor Scaloni. Mellor nin pensalo.