29.10.07

Guardado: análise 9 partidos despois

Despois de 9 partidos de liga, gustaríame facer algunhas reflexions sobre Andrés Guardado, a fichaxe máis importante do Dépor nos últimos anos. É difícil xulgar a un xogador nun equipo que crea moi pouco fútbol, pero despois de máis de 800 minutos teño que dicir que estou algo decepcionado polo seu rendimento. Ten unha calidade impresionante, unha velocidade interesante e carácter gañador, pero está a desaparecer moitísimo nos partidos, non asume toda a responsabilidade que lle tocaría nun conxunto tan limitado, e sobre todo fáltalle chegada a gol. Apoia demasiado en defensa, facendo moito desgaste, e ensaia o disparo lonxano moito menos do que algúns esperábamos despois de ver unha e outra vez os tres golazos de media distancia que meteu en México. Onte, sen ir máis lonxe, contra o Madrid, tivo tres ocasións para fusilar dende o borde da área a Casillas e fixo tiros moi frouxos ou moi desviados. Esperamos máis del, o equipo necesítao. Por certo, de mimar á afición coruñesa non sabe moito o mexicano. Primeiro comentou que quería ir xogar coa selección sub 21 unhas eliminatorias, ainda que para iso tivera que perder varios partidos co Dépor, e hai uns días coronouse dicindo que un dos seus soños é xogar no Real Madrid. Non se pode estar todo o tempo mirando cara ao futuro. Tempo terá de ir a un grande, pero agora débese ao equipo que lle ofreceu a carreira europea. Vexoo demasiado preocupado por dar o salto do Dépor a outro equipo grande, vexoo con presa, incómodo por momentos, como decepcionado porque pensaba que viña ao superdepor de hai uns anos -o que lle vendeu Lendoiro-, e non a este insípico e mediocre conxunto que loita por non descender. Ainda é moi cedo, e espero estar equivocado con estes medos, con estas dúbidas despois de só 9 partidos, e que Guardado poda finalmente sacar todo o fútbol que todos pensamos que leva dentro.

Laudrup, ao estilo Lotina

Laudrup, entrenador do Getafe, despois dun partido do seu equipo hai unhas semanas, sobre a promesa arxentina Ustari, chamado según moitos a ser nuns anos un dos mellores porteiros do mundo:
Tuvo una noche tan mala que esperamos y rezamos para que el Pato esté listo para el partido contra el Real Madrid
Lamentable. Ao máis puro estilo de Lotina con Filipe Luis e Barragán.

Os ex-criticados do Depor

O Tristán dos últimos tempos era asubiado en Riazor, e agora deambula polo mundo sen conseguir xogar nin meter goles, cun físico destrozado prematuramente. Duscher, ao que tamén o público criticou bastante, que presumía de ter ofertas do grandes do fútbol mundial, tivo que conformarse co modesto Racing de Santander. Agora vexo que Víctor, outro xogador bastante criticado na Coruña, e na miña opinión do máis frouxo da súa época, ten que aceptar unha oferta do Elche, de segunda división ante o fracaso no fútbol grego. O señor Irureta, que tan criticado foi durante todos os anos que viviu na nosa cidade -especialmente se un ten en conta que os resultados foron os mellores da historia do clube-, afundiu ao Betis e non ten ofertas de relevancia. Ao final vai ser que o sector máis crítico/esixente de Riazor, entre o que me atopo, vai ter máis idea de fútbol da que algúns pensaban. Hai bastantes máis exemplos recentes...

Vivos despois de outubro

Se a un seguidor calquera do Deportivo, fai unhas semanas, con 5 puntos de 18 e un calendario no que esperaban o Sevilla, o Valencia e o Madrid, lle dixeran que o seu equipo ía sacar 3 puntos e sair con bastante dignidade no xogo e a imaxe dada, destes tres envites, non o crería. Dito isto, houbo bastante sorte. Collimos a un Sevilla que ainda non se recuperara dun comezo complicado de liga (lonxe de esaxeracións que falaban dunha lección do equipo de Lotina) e gañamos cun xogadón de Guardado; non soubemos aproveitar o partido caótico dun tocado Valencia; e aguantamos 70 minutos o ritmo dun Madrid que canto peor xoga máis partidos gaña. Sen facer maravillas, pero con algo de orde, entramos vivos -ainda que na zona perigosa- dun mes de outubro moi complicado. As cousas positivas que quedan do mes son o impresionante estado de forma de Manuel Pablo, que está a viver unha segunda xuventude, a consolidación como titular de Filipe Luis, demostrando que sabe defender tan ben como os demáis, a pesar das desagradables palabras do seu entrenador, a seriedade atrás de Adrián López, proba de que o salto de segunda B se se ten calidade é menor, e a confirmación de Verdú como titular indispensable, ante a falta absoluta de persoas que saiban tratar ben ao balón. As notas negativas son a perpetuación de Sergio na titularidade (por fin nos libraremos del o mércores despois da expulsión), a incomprensible decisión amarrategui de colocar ao insulso Juan Rodríguez na banda dereita (Pablo Álvarez, sensación da pretemporada, segue sen ter unha mínima oportunidade), e a falta dun dianteiro de garantías. O mércores comeza de novo a nosa liga, e estamos con necesidade urxente de gañar un par de partidos seguidos para poder deixar os últimos 5 postos. Dificil tarefa.

1.10.07

Mellor xogo, igual resultado: Espanyol 1 - Dépor 0

A solución de Lotina foi facer 6 cambios respecto ao equipo que xogara contra o Recre. Por fin Filipe pola esquerda. Por fin De Guzmán por Juan Rodríguez. Por fin Verdú de titular (ainda que fora de sitio). Na defensa, Lotina fulminou a Aythami despois dun só partido (de novo exercendo de psicólogo) e deulle a titularidade a Adrián López "Piscu". Ademáis, colocou de titular a Xisco, que non xogara nin un minuto na liga, de suplente a Riki, que fora dos mellores no partido anterior. E mantivo no equipo aos nulos Sergio e Lafita, os únicos que incomprensiblemente parecen indiscutibles no megamix que partido tras partido Lotina fai coa alineación inicial. Barragán -vaino afundir, tempo ao tempo- e Taborda, supostamente os culpables do mal partido anterior, non foran nin convocados. A estas alturas xa temos bastante claro que o novo entranador do Dépor di constantemente unha cousa e fai outra. Di que cre no fútbol de toque e non lles da a titularidade indiscutible aos "tocadores". Di que lle gusta Pablo Álvarez e non lle da nin un minuto para que poda aportar ao equipo. Di que cre nos equipos estables nos que a xente sabe o 11 inicial de memoria e fai cambios sen ton nin son unha xornada tras outra. A teoría e a práctica non coinciden para o señor Lotina, que comeza a contar os detractores en Coruña -e non leva aquí nin dous telexornais- por ducias. É certo que o xogo foi mellor que nos partidos anteriores, e que un resultado xusto tería sido o 0-1 ou incluso 0-2, pero tamén é verdade que seguimos a ter graves problemas pola escasa aportación en ataque de xogadores como Lafita ou Sergio. Ademáis, Xisco ten forza, pero carece totalmente da calidade necesaria para xogar en primeira división, como se puido ver en varias oportunidades clarísimas que non soupo aproveitar. Podemos estar xogando dez anos que non metemos gol. Levamos 3 en 6 partidos, e somos xa o equipo menos goleador do campeonato, empatados cos colistas tamén niso. As nota máis positiva a aportación ofensiva de Filipe, claramente merecendo a titularidade, entendéndose ben con Verdú e Guardado. Piscu estivo correcto, ainda que o gol veu dun erro na marcaxe ao non cubrir a Tamudo nin el nin Coloccini. Estamos nunha situación complicada, terceiros pola cola e cos tres próximos partidos contra o Sevilla, Valencia (en casa) y Madrid. Temos que tentar como sexa gañar un deles, polo menos. De todos modos, isto non fixo máis que comezar. Hai que quedarse con que xogando un pouco mellor, e se por fin Lotina retira do 11 inicial a Sergio e Lafita, poderemos polo menos loitar por ir saindo da zona de perigo para ter un pouco máis de tranquilidade. Se non é así, Lendoiro terá moi complicado cumplir co que dixo hai unha semana, cando afirmou que tiña a intuición de que Lotina estaría aquí máis tempo que o seu clon o señor Iruretagoyena.