26.8.07

Reality bites: Dépor 0 - Almería 3

Non teño moito que dicir. Estou bastante sorprendido e decepcionado.Hoxe pasei vergoña en Riazor. A xente saiu abatida, falando de que nos íbamos a segunda. Todo comezou cos anuncios de Lopera onte: Rodri, descartado hai un mes, suplente o ano pasado en segunda, sería titular porque -según el- Barragán non sabe defender e vai mal por alto; Cristian sería titular porque Lafita non estaba ao 100% e nun momento de xogo espectacula (ningún xogador do mundo tivo máis oportunidades o ano pasado, titular toda a liga sin demostrar absolutamente nada, coma hoxe). Seguiu ao chegar ao estadio e ver a media entrada, e a frialdade coa que os xogadores foron recibidos, coa tímida excepción de Guardado, que lembraba moito ao ambiente do ano pasado. O noso partido foi un desastre. O Almería veu a empatar, a perder o tempo dende o primeiro minuto, e tardou pouco en decatarse de que era moi superior ao seu rival e que podía gañar o partido sen dificultades. Foi un baño. O Deportivo non tirou ningunha vez entre os tres palos. O Almería meteu 3, perdonou outros 3 claros, e dedicou o resto do tempo a bailar aos afundidos xogadores do Dépor. Non houbo calidade, nin toque, nin xogo, nin presión, nin desbordes, nin agresividade, nin ritmo. Nada. Encefalograma plano. A clonación exacta da maior parte dos partidos do ano pasado. Con Lotina comezamos xogando como con Caparrós, ao patadón, e sen sentido. As análises individuais fareinas durante a semana, polo de agora só quero adiantar que Guardado é o mellor xogador da plantilla con moita diferencia, e fixo un moi bo partido no medio do desastre, e que o feito de darlle a organización do xogo ao peor xogador da plantilla deportivista, Sergio, que leva deleitándonos coas súas carencias durante anos, e hoxe levou a maior parte dos asubíos da bancada, define a un entrenador.

24.8.07

O meu once inicial

Confeso que cando a fichaxe de Lotina foi anunciada levei un disgusto enorme. Pensaba que non era o que precisábamos, e sigo a pensalo. Porén, durante a pretemporada, unha imaxe descoñecida do entrenador apareceu ante nós: un amante do fútbol de clase. Sorprendente, tendo en conta o seu pasado, pero como prometín en posts anteriores, só por iso xa merecerá o meu beneficio da dúbida. Dareille uns partidos antes de comezar a xulgar. De momento, o once inicial que se presenta na maioría dos medios como o que vai comezar a Liga, non está moi lonxe do que eu escollería. Lotina apostará, según parece, por Aouate, M. Pablo, Lopo, Coloccini, Barragán, Lafita, Guardado, Sergio, De Guzmán, Riki e Adrián. Teño que dicir que a día de hoxe eu só faría dous cambios sobre este once: Filipe por Manuel Pablo, e Verdú polo sempre decepcionante e sempre titular Sergio, coa dúbida entre apostar por Lafita (a quen teño que ver máis) ou darlle minutos a Pablo Álvarez, que me gustou moito nos partidos de pretemporada. Non está mal. Por certo, só 5 destes xogadores eran titulares o ano pasado con Caparrós, e algúns deles xogaban claramente fora de sitio (casos flagrantes de Coloccini e Riki).

A conta atrás

Non sei se é o "pequeno príncipe" Guardado. Non sei se será que ata Riki semella outro. Tal vez sexa por fastidiar á Voz de Galicia. Igual é a idade, ter un ano máis. Se cadra o motivo é que na liga pasada tocamos fondo na forma de xogar, que non se pode facer peor. Que xa asumín que non seremos o SuperDepor, de momento. Non sei se é porque paso unha etapa persoal moi boa. Se é porque me gusta levar a contraria ás maiorías. Se é porque no fondo non perdín toda a confianza en Lendoiro, como pensaba. Quizais sexa porque un é máis feliz así, pensando en positivo. O caso é que teño máis ganas que nunca de que comece a Liga. Que estou bastante máis ilusionado co Depor que os últimos anos. Que vou saborear as victorias, cada unha delas, como só os equipos que non son grandes pero teñen sentimento poden facer. Son o único?

21.8.07

Arbeloa's song

Menudo salto pegou Arbeloa en seis meses. De nin sequera ser titular indiscutible no equipo de disparadores de melonazos que montou Caparrós na Coruña, a xogar moitos minutos nun dos mellores equipos de Europa, nun dos mellores campos do mundo, cun dos mellores espectáculos nas gradas. O outro dia na radio dicía que seguía moi pendente do que facía o Dépor, que sabía que se reforzara, que tal e que cuál. Que tiña moito cariño polo equipo e pola cidade. Sorprende tal mestura de bondade de carácter e categoría futbolística. Un dos moitos canteiráns despreciados polo Madrid. Teño con el a conexión que se ten cos xogadores que deixan pegada, eses dos que sempre estás pendente, ao longo da súa carreira, e aos que sempre desexas que lles vaia ben. E polo visto, vaille tan ben, que ata ten a súa propia canción nas bancadas de Anfield Road: "Arbelooooaaaa, Arbelooooaaaaa, if there is anything that you want, if there is anything he can do, just give him the ball and he will run through and score a goal for Liverpool, Arbelooooaaaaaa, Arbelooooaaaaa". A pel de galiña.

Xornalismo imaxinario

O que fan cada verán os xornais deportivos españois é de xuzgado de garda. Como non teñen nada interesante do que falar (porque facer unha análise a fondo e futbolística do ano anterior ou do que pode pasar no seguinte é traballoso e non vende), adícanse a INVENTAR. Directamente. Sen medo a quebrantar un código deontolóxico do que nunca sentiron falar. Sen vergoña propria nen allea. Cunha cara grande como un universo. Inventan fichaxes, saídas e entradas, dos clubes aos que cada un deles apoia claramente, coa mesma falta de vergoña. Son capaces de estar dous anos dicindo que un xogador vai ser fichado cando o propio xogador leva catro dicindo que é todo mentira. É unha vergoña que existan, e outra que vendan tanto. Será porque non hai competencia, e á xente encántalle o deporte. Será porque é menos traumático ver mentiras sobre o teu equipo que ver a un neno sen brazos na portada dun xornal. Será porque somos unha zona inculta do planeta. É realmente necesario toda esta palla? Por favor, que comece xa o espectáculo de verdade, e que calen os bufóns dunha vez.

19.8.07

Dani Mallo terá pesadelos con Quaresma

Despois de 5 anos na sombra dos porteiros titulares do Dépor, cunha cesión con resultados mediocres polo medio, Dani Mallo, o último gardaredes chegado ao fútbol de elite dende a canteira coruñesa, segue sen conseguir sentirse importante como futbolista. Con 28 anos, Dani é o porteiro suplente, na foto co número 12, do Braga na Superliga portuguesa.
Esta semana soñará sen dúbida con Quaresma. Na visita do F.C. Porto á antiga cidade de Gallaecia, o extremo portugués clavou dous goles de falta estratosféricos, sobre todo o segundo, ao coruñés, que tiña a posibilidade de mostrar a súa valía ante a ausencia do porteiro titular, Paulo Santos. O seguinte video contén os dous goles, que Mallo lembrará durante moito tempo:

25

20 anos. 5 de contrato. 25 millóns de cláusula. A maior promesa do fútbol mexicano. O deportivismo está dividido entre os que queren un novo "caso Rivaldo" con venda multimillonaria que reduza a eterna débeda, e os que ven nel un novo xogador bandeira que nos podería levar de novo á gloria. Eu son dos segundos. Está recén chegado, sorprendido polo que o rodea, e ten un longo camiño por diante. Fica todo por demostrar. Esperemos que as espectativas creadas nun público deportivista ávido de referencias non lle supoñan unha carga escesiva. Precisámolo.

16.8.07

Gol de falta de Guardado

Primeiro gol de falta directa de Guardado co Depor, no segundo 20 do resumo do partido contra o R. de Ferrol de onte:

12.8.07

Catenaccio

Se alguén quere ver un partido paradigma do Catenaccio, que baixe e vexa o do Reading hoxe na casa do United. Alucinante. Durante bastantes minutos renunciando por completo ao ataque, sen deixar a ninguén arriba, e cunha desconcertante e pouco habitual defensa individual a todo o campo, atascou o suficiente ao Manchester para conseguir un empate a ceros.
Seguramente dentro duns meses, con os ainda non disponibles Saha, Tévez ou Anderson, co equipo mellor físicamente e máis rodado, e cunha pouca máis de sorte, o resultado sería de escándalo. Pero hoxe, ao máis puro estilo Caparrós, con defensa dura e abundante e renunciando a calquera mostra de calidade, o Reading arrincou un inesperado punto no derradeiro partido da primeira xornada da Premier 2006/2007.
Por certo, para os despistados: este ano cada fin de semana -e tamén moitas veces entre semana- televisaranse en directo dous partidos da Premier League, un o sábado por TVE e outro o domingo por Teledeporte (canal de TDT).

Andrés Guardado: impossible is nothing

10.8.07

Envexa sana

  • Messi, Eto'o, Henry, Ronaldinho, Bojan, Dos Santos, Xavi, Iniesta, Deco.
  • C. Ronaldo, Roney, Nani, Tévez, Anderson, Saha, Scholes, Carrick.
  • Mackay, Tristán, Luque, Fran, Djalminha, Mauro Silva, Valerón.
  • Taborda, Riki, Bodipo, Rubén Castro, Xisco, (P. Álvarez), Sergio, (Guardado),... :-(

Primeiras impresións

Os flashes que teño, as primeiras impresións, do Deportivo 2006/2007, son os seguintes:
  • Guardado é a dose de maxia e esperanza que levaba agardando Riazor dende que se retirou Fran. Non sei se vai ser un crack ou non, pero vainos facer disfrutar moito. Por fin unha fichaxe ofensiva decente.
  • Lotina é un triste, o herdeiro de Irureta, un dos peores que podiamos fichar, pero despois do antifútbol, do señor Caparrós, voulle dar unha oportunidade. Vou facer o propósito de xulgalo sen prexuizos. Ademáis, sorprendentemente para os que coñecemos o seu pasado, está a dicir que vai apostar pola calidade e o toque. Que sexa verdade, por favor.
  • Pablo Álvarez está como unha moto físicamente. Moito máis rápido que o ano pasado. Para min, é o interior dereito titular, por diante de Cristian.
  • Verdú ten que xogar como pivote de creación, fáltalle algo ainda, pero ten clase. Ao seu lado, debe xogar De Guzmán. Que roube e pase a 1 metro, como o mestre Mauro Silva. Para tocar, están outros.
  • Lopo e Coloccini fan unha parella de garantías. Van facer que sangue menos a ferida de Andrade.
  • Filipe e Barragán deben ser titulares nos laterais. Rodri está perdido nesa posición e Manuel Pablo xa non está para moito.
  • Taborda é un paquete, un antifutbolista, pero se este ano xogamos con interiores que saiban centrar (P. Álvarez e Guardado, que ten unha luva no pe) vai meter algúns goles importantes.
  • Dou grazas a quen corresponda por non ter que ver xogar máis ao totalmente antiestético Arizmendi. Malísimo futbolista. Tampouco vou botar de menos a Duscher nin a Capdevila. Lástima de Sergio, que nunca o damos colocado.
  • Riki vai facer un ano bastante mellor que o anterior (non é difícil).
PS: O Madrid ten un equipo malísimo este ano, bastante peor que o ano pasado, no que gañou coa maior dose de fortuna que tivo equipo algún nos últimos tempos.

Resurrección

Este blog volta á vida. Hai 8 meses a aposta polo pragmatismo e a aniquilación de calquera tipo de fútbol de creación do estadio de Riazor (e de todos os visitados polo equipo co peor xogo da temporada 2006/2007), xunto cunha etapa persoal de moito traballo, fíxome abandonar temporalmente esta aventura. Hoxe, día no que o Depor gañou o seu oitavo Teresa Herrera consecutivo, amosando pequenos raios de luz ao final do túnel, volto con ilusións renovadas, que explicarei no vindeiro post. Saudos a todos, se é que ainda fica por aquí alguén.