12.12.06
Valencia 4 - Deportivo 0: nada de nada
Pois iso, nada de nada. Nin ataque nin defensa. Non metemos un gol a ninguén, e xa van duas veces en poucos partidos que recibimos 4. Se a isto unimos que Villa foi pouco deportivo inventando un penalty que supuxo o 2-0 e a expulsión de Juanma, o resultado non debería ser unha sorpresa para ninguén. Non vou comentar moito máis, é o mesmo dos últimos posts, non hai creación de ningún tipo, e o equipo non xoga a nada. Antes había confianza en defensa pero nos últimos partidos isto tamén está a comezar a escasear. Como di sempre Valdano, o fútbol é un estado de ánimo, e o do Depor agora mesmo é de depresión.
O sábado, ás 8, o partido será unha final para o Depor, que precisa os tres puntos tanto para evitar caer aos postos de perigo da clasificación (o desdenso ainda está a 7 puntos gracias ás victorias en casa iniciais) como para facer crer aos xogadores que non son tan malos como os últimos 7 resultados poden facer pensar. Porque non o son.
O sábado, ás 8, todos a Riazor.
8.12.06
O depor é Brasil
Na entrevista que o gran Bebeto fixo para a RCD (revista oficial do Deportivo) con motivo da súa participación no partido homenaxe ao Superdepor, fai unha afirmación que -penso- ben merece unha entrada neste blog. Falando da importancia de Mauro, Rivaldo, Djalminha, Donato ou el mesmo na historia do clube, di: "El Depor es Brasil". Non podo estar máis de acordo coa frase. A historia recente do Depor, os anos nos que pasou de ser un descoñecido equipo humilde de segunda división a ser un dos grandes da Liga Española e de Europa, non pode ser comprendida sen analizar a importancia dos seus xogadores brasileiros.
En que momento a directiva branquiazul deixou de crer na canteira brasileira? En que momento decidiron deixar de mirar no berce do "xogo bonito" para buscar noutros lugares? O diñeiro non pode ser o motivo, porque en Brasil non todos son Robinhos e Kakás, e hai moitos xogadores descoñecidos que poden dar bo resultado, e que nunca darán perdas nin deportivas nin económicas. Que miren senón ao Sevilla, por exemplo, coa súa columna vertebral mestura de canteira local e canteira brasileira. Alguén pode explicar que lle aconteceu ao Depor para deixar de crer na maxia brasileira? Agora que temos tanta falla de creatividade no plantel, é necesario sacar da chisteira un par de xogadores brasileiros franquicia, case descoñecidos, con proxección, que podan voltar a emocionar Riazor coa súa capacidade única para reinventar o fútbol.
Señores directivos, permitan que o Depor siga sendo Brasil.
O "mes da morte" para o Deportivo
Se non fora porque para os medios de comunicación españois non existe máis que o Madrid e o Barcelona (este último para comparalo co Madrid); se non fora porque pouco a pouco a luz do Superdepor vaise pouco a pouco apagando sen que ninguén o remedie; se non fora porque os medios locais non teñen a suficiente forza na opinión pública, estaría en boca de todos os amantes dos titulares chamativos que estamos a piques de comezar o "mes da morte" (ou da vida, isto está por ver), para o proxecto do mal chamado "babydepor".
Agardan Valencia, Bilbao, Sevilla e Madrid. Os dous primeiros, moi necesitados de puntos. Os dous últimos, imparables na Liga ata agora. Se sacamos bos resultados, a moral do equipo sairá reforzada, e afianzaremos unha posición no medio da taboa lonxe dos postos de perigo e incluso, sendo optimistas, con aspiracións aos últimos postos de Europa. Se os resultados son negativos, o descenso na clasificación que comezou hai 6 xornadas podería coller tintes dramáticos, e os nervos dun plantel xa de por si inexperto poderían provocar momentos complicados. É fundamental conseguir algo en Valencia e gañar en casa ao Bilbao para poder afrontar os partidos do Sevilla e o Madrid con tranquilidade.
A primeira proba de madurez para o cadro de Caparrós comeza o domingo e rematará a mediados de xaneiro coa visita do Madrid a Riazor. Crucemos os dedos.
6.12.06
Saudade de Champions League
Hai unhas horas, vendo o partido do Nou Camp, no que o Barcelona tiña que gañar para seguir vivo na Champions, entroume moita saudade dos tempos, recentes pero que xa se ven aló ao lonxe, nos que o Depor participaba nesta competición. Lembrei o ambiente de gala en Riazor, a música antes do partido que pon a pel de galiña, a remontada épica contra o Milán, a viaxe a Porto para soñar coa final e a decepción no partido de volta en casa, os golazos de Mackay, Tristán, Djalminha ou Fran... non puiden evitar pensar que é posible que pase bastante tempo ata que voltemos a vivir esas sensacións, a estar entre os 20 escollidos de Europa. Non podía ser doutro xeito: agora que non o temos valoramos en toda a sua dimensión o que significaron estes anos.
Nestes días complicados, cando Caparrós fala de que o obxectivo actual é a permanencia (en palabras máis despectivas: "seguir jugando con el Real Madrid"), debería ter máis en conta o que foi este equipo nos últimos anos, e facer o que di Santi Segurola que sempre fixo o Athletic the Bilbao nos seus anos épicos: facer aos seus xogadores xogar por enriba das suas posibilidades, apoiados na épica da historia recente deste clube.
Conformarse con loitar pola permanencia é un exercicio de apatía que pode ser interpretado por moitos como unha falta de respeto polo que ainda queda do que fomos. Esperábamos -e ainda esperamos- máis de Caparrós e deste equipo.
5.12.06
Marco Van Basten de chilena na 92/93
Deixemos o presente por uns segundos, e viaxemos da man de Marco Van Basten, un dos mellores dianteiros centro de todos os tempos, á temporada 92/93. Unha chilena de libro, nada que ver con algunhas que se ven ultimamente, seguramente moito máis mediáticas que naquela altura. Disfruten.
4.12.06
Depor 0 - Racing 0: é o que hai
Desta volta non xogaron Juanma e Sergio, aos que eu apontei como rémoras para o ataque, no que me sigo mantendo. Nesta ocasión había xogadores un pouco máis ofensivos sobre o campo, sen laterais adiantados ou centrais na banda. A declaración de intencións de Caparrós foi ben distinta que no partido de Osasuna, había que buscar o toque e a combinación, pero aconteceu o mesmo de sempre: non lle facemos un gol ao arco da vella. Nin con 11, nin con 10, nin con 9. Non se crean case ocasións, e as poucas que hai, mándanse fora. É dificil buscar causas ou culpables específicos do que comeza a ser unha crise moi seria (3 puntos -en tres empates- dos últimos 18, pero sobre todo xogo rácano e sen chegada), motivada por múltiples factores, pero a realidade non se pode discutir, e isto comeza a dar bastante inseguridade a unha afición que, por outra banda, segue desconectada do equipo (menos de media entrada hoxe, e unha tremenda frialdade nas bancadas durante os 90 minutos). Haberá que rezar a San Valerón, esperar que algunha vez Riki afine a puntería, e confiar en que tres ou catro xogadores que deberían ser chave no equipo pasen a rendir moito máis do que o están a facer agora.
Caparrós na rolda de prensa díxoo alto e claro, por primeira vez dende que é entrenador do Deportivo: "o único obxectivo este ano é a permanencia". El pensa que non hai mimbio para máis. A miña opinión era distinta, pensaba que podíamos estar entre os 8 primeiros, pero pode que estivera valorando de máis a calidade e experiencia dos xogadores que temos. Xa non estou seguro de nada, e precisarei de semanas para ir eliminando algunhas incertidumes que me dominan ultimamente.
O único que teño claro é que o fútbol, hoxe, en Riazor, saiu derrotado, nun lamentable partido que concluiu nun xusto empate sen gois. O espectáculo, para outro dia, ou pode que para outro ano...
3.12.06
Adrián: agardando a oportunidade
Deixo aquí unhas imaxes dalgúns goles de Adrián no Oviedo, obtidas en Futbolecciones, onde tamén se comentan algunhas das virtudes máis destacadas do xovencísimo xogador do Depor.
Notas breves sobre a actualidade
Hoxe vai a cousa de notas breves sobre o mundo do fútbol:
- Recomendo o excelente artigo de Marti Pernau sobre os motivos das reiteradas lesións de ligamentos cruzados nos últimos anos, das que falábamos hai unhas semanas. Lectura obrigada.
- O señor Irureta leva 9 puntos de 38 posibles no Betis. Ten os dias contados, como era de esperar.
- Non sei se é peor escoitar ao trio Salinas-Kiko-Montes ou os comentarios sempre pedantes do "Chapi" Ferrer. Por favor, señores da Sexta, consideren a opción do silencio, se non teñen nada mellor que dicir.
- O do Recre de Viqueira (32 anos, de Santiago de Compostela) comeza a parecer algo serio este ano. Un equipo recén ascendido e cheo de descoñecidos, pero que está consolidandose como candidato a UEFA. Viqueira é a día de hoxe a única froita da canteira deportivista titular indiscutible na primeira división, se non me engano.
- Sergio, ademáis de mal xogador, non é bo compañeiro, como se pode deducir das declaracións recentes nas que afirmaba que debía xogar sempre, entre outras palabras "humildes".
- Esperemos que tanto o devandito como Juanma non xoguen mañá, como indican as previsións. Sería de gran axuda para tentar crear algo de fútbol ofensivo.
- Contrastan as palabras do "veterano" xogador catalán coas de Arbeloa, que pouco a pouco gaña un posto na titularidade e na lista de persoas que merecen a pena dentro da plantilla deportivista.
- Se non gañamos mañá ao Racing, a crise será real, pero o peor será aturar ao señor Scaloni. Mellor nin pensalo.
27.11.06
Alarma no Depor
Os partidos desastrosos dos intocables Sergio e Juanma, na sua liña de xogadores de moi baixo nivel. As dúbidas e cambios constantes de Caparrós, que comezou o partido de hoxe en Pamplona con 8 xogadores de corte defensivo (remedio surreal para loitar contra a escasez goleadora). A inexperiencia lóxica da plantilla. A carencia creativa no medio campo e a ineficacia dos goleadores. Os resultados: 3 derrotas e 2 empates nos últimos 5 partidos, 2 puntos de 15 posibles. A falta de diñeiro para solucionar posibles problemas. A imaxe de inocencia e impotencia de hoxe co 4-1 en contra...
Motivos suficientes para a alarma.
22.11.06
En defensa de Taborda
Antes de que as sempre mellorables tertulias radiofónicas locais coruñesas eliminen a Taborda -que non é Maradona, sen dúbida- da faz da terra, vou romper aqui unha lanza na súa defensa. A culpa dos vergoñentos 30 minutos de pelotazos de 40 metros do partido do outro día contra o Celta non foi súa, el bastante fixo con tocar o 90% deses pelotazos tentando baixalos e facer algo mínimamente útil para o seu equipo. A culpa foi de todos menos del.
Un servidor pensaba, usando un mínimo de lóxica, que o erro fora de Caparrós, que dera instruccións de abandonar o que Fabio Capello deu en chamar ex-fútbol, e pasar á acción directa (tamén chamada patadón e a correr). Pero cal é a miña sorpresa cando leo que non foi loucura individual do entrenador, senón tolería colectiva de todos, ou case todos, os xogadores, que confirmaron hoxe que a "táctica" escollida foi froito dos nervos e a impotencia, e que as ordes de Caparrós eran desbordar ata liña de fondo para centrar, enton si con perigo, ao dianteiro centro.
Esperemos que a vindeira vez lle fagan máis caso ao entrenador, sobre todo en cousas tan obvias como esta. Ver para crer.
21.11.06
Xogando a ser Caparrós
Pídenme que me molle, e móllome; o meu equipo titular a día de hoxe para o Depor é o seguinte:
- Porteiro: Aouate
- Defensa: Barragán, Arbeloa, Lopo, Filipe Luis
- Centro do campo: Cristian, Verdú, Coloccini
- Ataque: Estoyanoff, Riki, Arizmendi
20.11.06
Depor 0 - Celta 1: o xusto tería sido o empate
En primeiro lugar, quero dicir publicamente que se o xogo do Depor cando vaia por detrás no marcador vai ser bombear balóns durante 30 minutos a un tipo que é moi alto, renunciando por completo ao xogo de combinación, eu prefiro queimar o meu carné de socio e quedar na casa facendo calquera outra cousa. Menos mal que ata Caparrós admite que se equivocaron.
Dito isto, o partido tivo tres etapas moi diferenciadas: (1) O encefalograma plano de 45 minutos que foi a primeira parte: aburrida e absolutamente insulsa, con cero disparos por dentro dos tres paos por parte dos dous equipos; (2) a saída en tromba do Depor no segundo tempo, que durou 15 minutos de fútbol de altura, no que se notou positivamente a ausencia de Sergio, un verdadeiro tronco no centro do campo, e durante o cal destacaron Verdú, Cristian e Estoyanoff, pero que rematou desafortunadamente cun gol do Celta nun contraataque no que o repliegue do Depor foi moi moi moi malo; e (3) os 30 minutos de balóns lanzados sen ningún perigo dende 40 metros a Taborda, para a comodidade da defensa visitante e a desesperación do que escrebe.
O equipo deixa cousas para a esperanza: Verdú é un superclase que pode chegar a aportar moito se participa máis, Cristian ten movilidade, regate, descaro e chegada, e Estoyanoff aporta frescura e desborde pola banda. Arbeloa desplégase con clase e ten solvencia en defensa, pero andivo descolocado nalgunhas xogadas de perigo, incluindo o gol (non é lateral). Riki ten detalles, pero non aporta creatividade perto do área e leva 1 gol en 11 partidos sendo dianteiro centro a maior parte do tempo, ten que ir a máis ou notarémolo.
O demáis, bastante mal, sobre todo destacando o xogo moi mediocre de Sergio e Juanma, este último o escollido intelixentemente polo Celta para deixarlle sacar o balón, porque non lle dá a un baúl. Para min, os dous merecen ser suplentes indiscutibles neste equipo. O resto, mediocres sen máis, nin fu nin fa.
Agora quedamos nun punto perigoso de metade exacta da taboa, que fai que os próximos 3 ou 4 partidos sexan de vital importancia para definir as perspectivas coas que imos entrar na segunda volta. Paciencia.
19.11.06
Ligamentos
16 roturas de ligamentos no que vai de ano. Un 30% máis que o ano pasado e unha orde de magnitude máis que hai unha década. Alguén tería que facer unha reflexión sobre o que está a acontecer coas lesións deste tipo no fútbol moderno. Partido si partido non, algún xogador, normalmente sen mediación dun rival, apoia mal, carga todo o peso sobre o xeonllo, e crack: 6 meses sen xogar, no mellor dos casos.
Cal é o motivo do incremento? A velocidade á que se xoga? O estado dos terreos? O entrenamento defectuoso? A sobrecarga de partidos e tensión? A funesta casualidade?
Algún médico na sala?
(Por certo, aproveito para enviar ánimos a David Fernández "Maradona", o mellor futbolista da canteira coruñesa dende que aparecera Fran, incomprendido na nosa cidade e exiliado en Escocia, e que sufriu unha destas -en versión múltiple- hai un par de semanas e afronta 10 meses de baixa e moita incertidume sobre o seu futuro como futbolista profesional)
O nome internacional do Depor
Aproveito este día de derbi Galego para facer unha modesta petición aos directivos e accionistas do Depor: loitemos entre todos porque o noso equipo sexa un referente da galeguidade, e comezemos por galeguizar/normalizar o seu nome.
Cando un vai polo mundo, ter que escoitar como nome do seu equipo "Deportivo La Coruña" (sic) non é agradable. Primeiro, porque non é o nome actual, e segundo, porque -polémicas á marxe- o nome oficial da cidade a dia de hoxe é A Coruña.
Ademáis, alén das ideas políticas de cada un, de se é galegofalante ou non, do nome que use cada un para a cidade cando fala castelán, das normativas que cada un defende para o Galego, é bonito que os equipos capitalicen o valor simbólico das manifestacións culturais da terra na que naceron. De igual xeito que a universidade da nosa cidade ten como nome oficial Universidade da Coruña, ou o noso goberno Xunta de Galicia, o equipo de fútbol da cidade debería "falar galego".
Cando comezamos unha campaña para que o nome oficial do Depor pase a ser "Deportivo da Coruña" (como primeiro paso para unha maior galeguización do clube)?
Protexe Caparrós a Barragán para o Depor?
Comezou como a revelación da temporada na Coruña. Novo, elegante, con descaro, firme en defensa e perigoso nas incorporacións. Unha das fichaxes máis acertadas, dos máis queridos polo público. Titular indiscutible para Caparrós nos primeiros partidos do ano. Pero bastaron dous partidos con dúbidas en defensa para que Barraguán pasase a ser suplente habitual xornada tras xornada.
Está Caparrós protexendo ao Depor para que o xogador non sexa recuperado polo Liverpool a final de ano? Tería lóxica facer iso durante este e o próximo ano (as opcións de recuperación que mantén o equipo inglés son para o final dos dous primeiros anos)? Ou trátase só de especulacións sen fundamento dun servidor e a realidade é que Caparrós prefire -de momento- un lateral dereito con maior capacidade defensiva e algo máis de veteranía?
18.11.06
A importancia dos goleadores
Pode semellar obvio, pero non é, na miña opinión, destacado suficientemente nos tempos que corren: os equipos con goleadores en estado de gracia están nas primeiras posicións da clasificación, invariablemente. Tanto discurso indicando que o fútbol ofensivo xa non existe, e que todo é físico e defensa, para finalmente concluir isto.
Se un mira os catro primeiros postos na clasificación actual do "Pichichi", ve con 8 goles a Ronaldinho, Diego Milito, Kanouté e Van Nistelrooy, seguidos de Morientes e Villa, ambos con 5. Estes xogadores pertencen a cinco dos seis primeiros clasificados na actualidade (Barcelona, Sevilla, Real Madrid, Zaragoza e Valencia). Só o Getafe, quinto, con un número ridículo de goles a favor (menos da metade que os demáis), é quen de se meter nesa taboa con fútbol de contención e menos chegada, e veremos por canto tempo.
O Depor, nestes momentos, ademáis de crear pouco, e a falta de que algunhas das novas adquisicións podan reivindicarse, carece de creación e de finalizadores. Levamos 10 goles en 10 partidos de liga, e a maior parte deles marcados por defensas ou medios defensivos (1 de Barragán, 2 de Capdevila, 2 de J. Rodriguez, 1 Sergio, 3 Arizmendi e 1 Riki).
As dúas caras do Depor
O depor deste ano ten duas caras ben diferenciadas. Por unha banda, a dun equipo cheo de xuventude, agresividade e orde, que non ten medo a xogar con ninguén, e que pode plantexar serios problemas a calquera dos equipos da parte alta da taboa. Por outra banda, a dun equipo cutre, sen liña central de creación, conservador -especialmente fora da casa-, que pode empatar con equipos recén ascendidos sen ter unha ocasión de gol en 90 minutos de xogo. Unha cara ilusiona e fai soñar, e a outra frusta e fai temer o peor.
Os últimos resultados, un empate en Riazor co Barça nun partido cheo de tensión e alternativas, unha derrota con clasificación por penalties ante o Racing, un equipo en teoría bastante inferior, e un empate raquítico no campo do Nastic, non fan máis que confirmar esta doble tendencia.
Ante os equipos grandes, que xogan a deixan xogar, a agresividade aparece e tápanse as carencias creativas. Ante os equipos pequenos e fechados, non existe abrelatas e o resultado é case sempre de empate ou, se o equipo contrario ten chegada á contra, derrota.
Precisamos urxentemente que Verdú asuma máis protagonismo na creación, que Riki axuste o punto de mira, e por enriba de todo, que se recupere Valerón. Do contrario, a tendencia que levamos de ir perdendo lentamente postos na clasificación pode prolongarse.
31.10.06
O apagón de Ronaldinho
Calo eu hoxe, para deixar falar ao mestre Julio César Iglesias nun excelente artigo no que analiza o que lle está a acontecer a Ronaldinho.
E aproveito a ocasión para recomendarvos a todos Historias del Calcio y otros mundos, para min o mellor blog que existe sobre Fútbol, con diferencia.
30.10.06
Guardiola e a selección catalana
Guardiola opina sobre a existencia de seleccións nacionais dentro do Estado Español, nunha (bastante interesante) entrevista recente:
¿Existe identificación con España por parte de los jugadores catalanes? Si hubiera selección catalana oficial, yo hubiera jugado ahí y no con España. ¿Por qué? ¡Porque yo nací en Cataluña! Pero eso no quita para que siempre me haya dejado todo con la selección; cuando iba, tenía la misma implicación que con el Barça. Igual. Eso sí, eso de justificar la derrota diciendo que los catalanes o vascos no sienten la camiseta es una tontería. Y si el problema es ése, ¡que no lleven a más jugadores catalanes!... y se arregla.Que eu saiba, o único caso semellante ao que ven acontecendo con algúns xogadores catalanes que non son claros respecto á súa participación na selección española, só ocorrera no caso galego co ex-xogador do Compostela Nacho, que suxerira de xeito ambiguo que podería non ir á selección española se algunha vez fora convocado (nunca o foi). Pódese ler máis sobre isto en Vieiros. Alguén coñece algún outro xogador galego que estivera ou estea nunha situación semellante?
Caparrós e a súa relación coa calidade
Hai xestos que definen aos protagonistas do fútbol, que os deixan núas diante de todo un estadio durante uns instantes. É xusto isto o que lle aconteceu a Caparrós o outro día, cando Estoyanoff lanzou un penalty ao máis puro estilo Panenka, e "o míster" non puido evitar ese xesto de reprobación ante o risco tomado, e de queixa polo susto que o seu xogador lle fixera pasar.
Caparrós ten moitas virtudes como entrenador, pero entre elas non está ser un amante da parte máis arriscada do fútbol: a creación de espectáculo. Unha lástima.
Irureta e o Depor: quen fixo grande a quen?
Durante anos formei parte da liña hipercrítica con Irureta cando os resultados lle favorecían, así que pido agora permiso aos lectores para convertirme nun oportunista e arremeter contra el -de novo, coma sempre- cando as cousas lle van mal.
Dous meses e medio despois do meu post falando sobre a mala pretemporada de Irureta no Betis, os augurios non fan máis que confirmarse: o equipo sevillano está afundido, e a cabeza do señor Irureta corre perigo. O Betis leva 4 puntos de 24 posibles, perdeu todos os seus partidos fora e a metade dos xogados en casa, e público e xornalistas comezan a sacar conclusións. Ou ocorre unha miragre, que no fútbol sempre é posible, ou o señor ten os días contados na cidade andaluza.
Moitos son os que din que Irureta fixo grande ao Depor. Eu, en cambio, defendo que foi o Depor, a xestión arriscada, como agora se demostra, pero moi efectiva durante eses anos do señor Lendoiro, e a excelente plantilla que tivo á súa disposición, da que moitos pensamos que non soubo sacar o 100%, o que colocou ao señor Irureta na lista de entrenadores "grandes".
E a sorte que temos é que o tempo coloca a cada un no seu sitio.
Irureta non gañou nada antes de chegar ao Depor, nada de nada en 15 anos como entrenador. Estivo en clubes de metade da taboa nos mellores casos (Getxo, Sestao, Logroñés, Oviedo, Santander, Bilbao, Real Sociedad y Celta), conseguindo como máximo logro clasificarse para competicións europeas. Chegou ao Depor cando o equipo estaba xa entre os grandes despois do fenómeno do Superdepor, e nos 5 primeiros anos engordou o curriculum. Marchou, despois de fracasar cando a plantilla xa non era tan potente, e non sen antes ter problemas para conseguir ser chamado para algún proxecto interesante, está a se afundir co seu novo equipo. É o peor inicio do Betis nos últimos 20 anos.
Os feitos falan por si mesmos.
O Depor, instalado na mediocridade
Pois vai ser que si, que as rachas de bo xogo eran espellismos, e que a creatividade da que carece o Depor non vai ser sinxela de suplir ata a volta de Valerón, para a que haberá que agardar ainda un trimestre. E iso que por fin, despois de que moitos o pedísemos durante semanas, Caparrós confiou en Verdú como enganche...
Dende que non escrebo, os resultados foron estes:
- Depor 2 - Real 0 (Barragán, Riki)
- Betis 1 - Depor 1 (Arizmendi)
- Depor 1 - Atlético 0 (Arizmendi)
- Depor 1 - Santander 0 (Estoyanoff, p.)
- Getafe 2 - Depor 0
21.9.06
Bodipo: volta o meigallo
No partido no que por fin lograba un gol co Deportivo, no campo do Laracha, de novo, como no caso de Valerón, nunha xogada na que non houbo violencia de por medio, nun mal apoio, Bodipo fixo anacos o seu xeonllo dereito: rotura de ligamento cruzado anterior. Perderá case toda a temporada.
O segundo gol, para un resultado final de 0-2, marcouno Estoyanoff, pero iso xa foi o de menos.
Non hai nada peor para un futbolista profesional (nin para calquera persoa que ame o deporte, engadiría) que unha lesión deste tipo: longa, delicada e complexa. Dende aquí transmítolle todo o meu apoio e os meus ánimos, e que a recuperación sexa o máis rápida posible.
Queda por ver se isto motivará algún reforzo de última hora para a dianteira. Saberémolo nos próximos días.
18.9.06
É tan baby o novo Depor?
Unha de estatística. Fálase moito do babydepor (aproveito para dicir que non me gusta o alcume), pero pouco de canta é realmente a diferencia de idade con outros equipos relevantes da liga. Vexamos.
A alineación da última xornada foi: Aouate (28), Capdevila (28), Lopo (26), Arbeloa (23), Barragán (19), Sergio (29), Coloccini (24), Juan Rodríguez (24), Arizmendi (22), Cristian (23), Riki (26). A media de idade é de 24,75 anos.
Comparemos coa do Barcelona desta semana: Valdés (24), Silvinho (32), Márquez (27), Puyol (28), Zambrotta (29), Edmilson (30), Messi (19) , Xavi (26) , Deco (29), Ronaldinho (26), Etoó (25). A media é neste caso 26,82 anos.
E agora coa do Madrid do domingo: Casillas (25), Cicinho (26), Sergio Ramos (20), Cannavaro (33), Roberto Carlos (33), Emerson (30), Diarra (25), Reyes (23), Guti (30), Raúl (29), Van Nistelrooy (30). Media de 27,64 anos.
O Sevilla: Palop (32), Daniel Alves (23), Javi Navarro (32), Escudé (27), David (32), Jesús Navas (20), Poulsen (26), Renato (27), Adriano (22), Kanouté (29), Kepa (22). A media sevillista é de 26,55 anos.
E o Valencia: Cañizares (36), Miguel (26), Ayala (33), David Navarro (26), Regueiro (28), Joaquín (25), Marchena (27), Edu (28), Vicente (25), Villa (24), Morientes (30). Dando unha media de 28 anos.
Resumindo, o novo Depor tiña na última xornada, no 11 titular, 2 anos de media de idade menos que o Barcelona e o Sevilla, 3 que o Madrid, e 3,5 que o Valencia.
Suficiente para merecer o nome do babydepor? Pode ser, ainda que o verdadeiro reto de Caparrós non é a idade dos seus futbolistas, senon a inexperiencia que teñen bastantes deles na primeira división ou como líderes de equipos que aspiran a algo nunha liga punteira.
17.9.06
Duscher e a importancia da unidade
Segunda parte. Segundo gol do Deportivo. Capdevila sentencia o partido. O público en Riazor estoupa de ledicia. Caparrós corre pola banda e o banquillo celebra o gol. Todos os xogadores do Deportivo corren inmediatamente á liña de fondo a formar unha piña ao máis puro estilo Barça-de-Ronaldinho. Descontando a Aouate, que celebra o gol no outro extremo do campo, só un xogador semella estar alleo á festa colectiva: a uns metros, Duscher camiña só, cabeza abaixo, pensativo, cara ao seu campo.
Final do partido. Segunda victoria consecutiva en casa do novo Depor. Lopo chama a todos os seus compañeiros ao medio do campo, para aplaudir ao público, para aplaudirse polo partido realizado. Costumes que non se deben perder. Dez xogadores do Depor e toda a afición en busca da comunión perdida en anos pasados. Só falta un: Duscher, que nada máis o árbitro indicou o final do partido marchou, con presa, de novo cabeza abaixo, para o vestiario.
Este tipo de actitudes son as que minan a uns xogadores e un entrenador que están facendo da unidade unha das súas armas principais.
Unha venta a tempo é unha victoria.
Depor 2 - Villareal 0: sen creación pero con moitas cousas
O Villareal chegaba a Riazor tocado: despois de reforzarse moi ben durante o verán a base de talonario, comezara a liga como un dos equipos que debían loitar durante o ano para estar na Champions, pero tras empatar no Bernabeu na primeira xornada e de perder en casa a pasada semana contra o Recre, chegaba cargado de dúbidas. O sorprendente é tentar facer fronte a estas dúbidas con Cani e Forlán no banquillo, pero hai tempo que abandonei a idea de entender aos entrenadores.
Nun partido irregular, o Depor, sen xogar fútbol total, e sen creatividade nos tres cuartos, pero coa seriedade, ilusión, entrega, unidade, velocidade, presión, solvencia e sorte do primeiro partido de liga, gañou sen grandes dificultades. Cando o partido estaban comezando, Capdevila rompeu a escuadra nun disparo cruzado a perna cambiada dende 30 metros. Impresionante. O Depor administrou a vantaxa sen moitos problemas ata que na segunda parte unha falta moi ben sacada por Riki o balón cae a 3 metros da portería nos pes de Capdevila de novo, que marcaba con tranquilidade o segundo. O Villarreal tivo algunha ocasión puntual, moi ben resolta por Aouate. Hai porteiro. O resto do tempo adicáronse a dar leña, a xogar sucio, a buscar a perna dos xogadores do Depor. Seguindo o ritmo do desgraciadamente famoso Peña, que paradóxicamente se retirou lesionado, encamiñaron a sua frustración da forma máis fea posible.
Caparrós, como se esperaba, cambiou o plantexamento (non)ofensivo, abandonou o cuatrivote e apostou por Arizmendi e Cristian nas bandas, e Riki en punta. Riki é moitísimo mellor que Bodipo, ten potencia, rompe a pelota, vai pouco a pouco adquirindo a súa velocidade, protexe moi ben o balón, e ten un regate en corto fantástico. Queda por ver cantos goles será capaz de aportar cando teña un conxunto de partidos seguidos, pero promete moito, e saiu ovacionado de Riazor. Cristian non chega ao 1,70, ten cara de despistado e pouca forza, pero suple isto con un ritmo frenético, moita velocidade e un fantástico regate. Aportou moito hoxe e saiu ovacionado tamén no seu troco. Arizmendi, pola sua parte, ainda que non xogou un partidazo, segue aportando cousas, ten un fondo físico tremendo e unha velocidade en carreira espectacular. A súa arrincada de 60 metros nos últimos minutos do partido merecía rematar en gol. A liña ofensiva non está mal, o problema está na creación, coma sempre: Valerón non está, e os que teñen o perfil máis próximo (Verdú e Iago) non contan para Caparrós de momento. As alternativas de Juan Rodríguez e Sergio non funcionan en ataque, merecendo este último unha mención especial ás suas pedradas. Haberá que esperar para ver fútbol total en Riazor. A defensa, iso si, segue bastante seria e solvente, con Barragán en plan estrela (potencia, anticipación, descaro, chegada). E diante dela, Coloccini fixo un partido soberbio, cortando balóns constantemente e sacándoos con criterio.
O Depor ten carencias, como é lóxico, pero segue a aportar moitas cousas e a ilusionar, que é agora mesmo o importante. Os comezos de temporada marcan máis a traxectoria no campeonato do que moitas veces pensamos.
15.9.06
Volta das vacacións: recapitulemos sobre o Depor
Estiven 15 dias de novo desconectado, e pasaron moitas cousas neste tempo. Uns chegaron e voltaron a marchar cedidos, como é o caso de Alcántara (sorprende o overbooking nalgúns postos). E a outros por fin non os teremos que aturar nunca máis, nin futbolísticamente nin como persoas, o caso de Tristán ou Scaloni. Sorte aos que os levan. As telenovelas da pretemporada foron pouco a pouco rematando -ainda quedan fios, seino- e deixando o seu espazo ao fútbol.
A semana pasada, no segundo partido de liga, Caparrós optou polo cuatrivote (Duscher, Sergio, Coloccini e Juan Rodriguez), con Riki e Arizmendi como únicos homes ofensivos. O resultado, con esa alineación e un equipo rival con moitas carencias, foi o esperable: empate sen goles. Caparrós apurou a dicir que xogara con dous dianteiros, pero claro, un equipo con 2 dianteiros e 8 defensas segue a ser un muro e é imposible que xogue a algo. E así o viu todo o mundo: a prensa de Mallorca (afirmaron que o Depor fora o equipo máis defensivo que visitara Mallorca en anos), os xornais deportivos xeralistas, as radios, os comentarios da xente na Coruña, e ata algúns dos xogadores (Coloccini comentaba na Voz que o partido fora "mezquino"). Esperemos que non se repita, nin a actitude nin o tostón de partido que non daba nin para 1 minuto de resumo. Non pasou absolutamente nada.
E mañá, Depor-Villarreal. Caparrós tentará, se se cumplen as previsións para a alineación da prensa, lavar un pouco a sua cara despois das críticas. Que así sexa, polo ben do fútbol.
28.8.06
Depor 3 - Zaragoza 2: Ilusionante con matices
Entretido partido o de esta tarde-noite en Riazor. O Zaragoza reforzouse moi ben este ano, e ten moita calidade e creación no medio do campo, con Aimar e D'Alessandro (que sonara o ano pasado como fichaxe do Depor) como líderes. Chegou á Coruña coa intención de controlar o balón buscando combinacións ao primeiro toque, e conseguiu ser na miña opinión o mellor equipo sobre o terreo de xogo, marcando dous golazos.
Agora ben, o Depor plantou cara con moita seriedade, forza e ilusión, e tivo as doses necesarias de sorte nos tres goles: o primeiro despois dun falso remate de Bodipo que se converteu nun pase perfecto a Juan Rodriguez; o segundo nun penalti que non se pita nunca e que tirou bastante regular Sergio; e o terceiro nun erro defensivo que deixou só a Capdevila para rematar en semierro un balón que foi finalmente empurrado en boca de gol por Arizmendi.
Como notas positivas quédome coa seguridade de Aouate, a solidez de Barragán (que hoxe non subiu tanto como outras veces pero estivo moi rápido nas coberturas), os roubos de balón e a presión de Coloccini, a potencia e achegada de Juan Rodriguez, a mellora notable de Arizmendi (regate, velocidade e ata gol, foi un dos mellores do partido e saiu ovacionado), e a habilidade e rapidez de Cristian Hidalgo e Estoyanoff. Cristian Hidalgo xogou algo máis de media hora foi unha das novidades máis positivas do partido, amosando intelixencia, rapidez e moita clase. Vaillo poñer difícil a Caparrós.
Como notas negativas quedo coas dúbidas no centro da defensa, que estivo lenta nos dous goles en contra, co pouco que aportou Capdevila, que non debería tardar ao meu ver en ser suplente de Filipe Luis, coa habitual ineficacia e torpeza de Sergio, coa sorprendente lentitude de Riki (esperemos que chegue pronto o xogador rapido e con desborde do ano pasado no Getafe) e coa dificultade para ver gol de Bodipo, que tivo dous remates sinxelos no primeiro tempo que non acertou a dirixir á portería. Outra nota negativa é a carencia de creatividade no medio, sigo dicindo que alguén como Verdú ou Iago sería interesante, e vai seguramente a ser imprescindible contra equipos que se pechen atrás.
Hai moito que traballar, pero moitísima ilusión e marxe para a mellora, como admitiu Caparrós na rolda de prensa. A comunión entre o equipo e a afición vaise incrementando, e os xogadores remataron o partido aplaudindo ás bancadas dende o centro do terreo de xogo mentres o estadio celebraba a victoria, algo que había tempo que non se vivía en Riazor nun partido de liga.
En duas semanas, esperemos confirmar contra o Mallorca as sensacións positivas e a pulir as negativas. De momento, a falta dos partidos do Barça e o Sevilla, somos segundos na Liga.
26.8.06
Agardando as decisións finais no Depor
Estiven unha semana de vacacións, sen conexión a Internet, sen acceso a prensa, radio ou TV, e cando chego a casa, ávido de novidades sobre o Depor, decátome de que realmente, realmente, a excepción da fichaxe número 15, todo segue igual.
O resumo do que aconteceu estes días foi o seguinte:
- Iago marchaba cedido ao Tenerife pero ao final non marcha. Non se sabe por que marchaba nin se sabe por que finalmente non marcha. Demasiadas incógnitas. Alguén debería sair e aclarar estes temas para evitar que sexan os xornalistas os que fabriquen hipóteses. Eu, persoalmente, e ainda que sexa doloroso un centenario sen galegos, penso que para Iago e para o Depor tería sido mellor a cesión: non vexo que vaia xogar moitos minutos este ano.
- O de Dagoberto non era máis que outro rumor, non sabemos se con ou sen fundamento. Lástima porque é un crack.
- Antonio Tomás -como estaba previsto- vai cedido 1 ano ao Racing porque hai overbooking no seu posto. Normal.
- O dos descartes segue todo igual. Hai rumores de que uns marchan e outros non, de que hai ofertas por un e por outros non, pero nada confirmado. Seguimos á espera.
- A fichaxe número 15 (ver para crer) é Filipe Luís Kasmirski, un brasileiro-polaco de 21 anos, titular nas categorías inferiores de Brasil como lateral esquerdo, moi ofensivo, que comparan con Roberto Carlos, e que xogou os tres últimos tres anos no Figueirense, o Ajax e o Real Madrid B. Chega ao Depor cedido con opción de compra. Hai quen fala de que podería xogar de interior, pero na altura todo son conxeturas. Moi ilusionante. Por fin outro brasileiro.
Fútbol en galego na TV
Hai uns días confirmouse que La Sexta terá os dereitos durante os próximos 3 anos do partido en aberto da Liga os sábados á noite. Todo indica que, salvo sorpresas de última hora, a TVG non entrará no acordo, e só a TV3 catalana e o Canal 9 valenciano emitirán os partidos ao mesmo tempo que La Sexta, pero en catalán.
Significa isto o fin da retransmisión de fútbol en galego? Non. La Sexta ven de anunciar que aproveitará as características da televisión dixital para emitir ao mesmo tempo os partidos en galego, catalán, euskera e castelán. Ademáis, R seguirá a ofrecer a posibilidade de escoitar os partidos do Depor e o Celta no Pay per View en galego ademáis de en castelán.
Pola miña parte, sigo a botar de menos que alguén ofreza de deixar só o sonido ambiente do estadio.
Fútbol sen palabras
Xa o lera hai unhas semanas citado en varios blogs, a BBC, utilizando a funcionalidade da televisión dixital, está a ofrecer aos seus espectadores unha forma de visualización do fútbol que ata agora non tiña sido explorada polas cadeas: o fútbol sen comentaristas, só con sonido ambiente de máxima calidade e imaxe.
Naquel momento pareceume unha idea moi interesante, pero o outro día tiven a oportunidade de ver o Barcelona-Espanyol con esta modalidade de retransmisión e fiquei namorado. Sonido ambiente estupendo, chegando a escoitarse claramente os cánticos das bancadas, os berros dos xogadores en diversos lances do partido, e ata os contactos co balón en todo momento. Fantástica sensación, a máis aproximada a estar en directo no estadio. E o que é máis importante: ningún tipo de comentario absurdo, soso, ou snob dos habituais colaboradores varios das televisiónss. Non ten prezo.
Por favor, señores de Canal+, La Sexta, e demáis cadeas, tomen nota.
Nigún equipo é invencible
Despois de xogar algúns partidos espectaculares na pretemporada. Despois de perdoar a vida ao Espanyol no primeiro partido da Supercopa do Rey, e de machacar ao mesmo equipo na volta, xogando a un nivel altísimo. E despois de facer unha exibición de bo xogo e goles no Gamper, aplastando a un dos mellores equipos de Europa. Un día despois de recibir todo tipo de premios europeos.... chegou a dose de realidade: en fútbol, non hai equipos invencibles.
Esta noite, con ilusión, unha defensa moi agresiva e ordenada, e as doses necesarias de potencia e calidade arriba, o Sevilla fixo realidade unha vez máis esa máxima, e marcoulle ao Barça 3 goles que ben puideron ser 5. Mentres, Rijkaard non sabía que inventar para tentar crear oportunidades, acumulando ata un total de 6 xogadores moi ofensivos nos últimos 30 minutos. Non serviu. Só Gudjohnsen tivo 2 balóns de ouro, moi claros, que non soubo aproveitar. O resto do tempo todo o mundo puido ver a reiteración dun erro que o equipo catalán comete demasiado frecuentemente: entrar unha e outra vez polo centro do campo. Se a defensa non é inocente, é tarefa imposible, mesmo para magos como Messi ou Ronaldinho.
O Sevilla é xusto vencedor, ten 4 ou 5 xogadores impresionantes, e presenta candidatura sólida a loitar por un dos catro postos de Champions este ano. Agora a prensa dirá que o Barça non é un equipazo, buscará a súas debilidades, e irá coma sempre dun extremo ao outro. De esaxeración a esaxeración. Pero a realidade é clara: os mellores equipos tamén perden. E esa é posiblemente unha das grandes virtudes deste deporte.
17.8.06
Que comece xa o fútbol, por favor
Houbo un tempo no que as noticias, cando saían na prensa, eran certas. Un podía asumir que se un xornal publicaba en portada que un clube estaba a piques de asinar un contrato con un xogador, era porque tiña fontes fiáveis. Isto é historia. Agora, os diarios deportivos botan todo o verán a encher as portadas de mentiras con total impunidade. Ver para crer.
O último no que os rumorosos din que está interesado o Depor é Dogoberto, 20 anos, internacional nas categorías inferiores de Brasil e figura no Atlético Panaerense. Quen sabe canto hai de verdade e de mentira nisto. Pode ser que mañá sexa xogador do Depor, ou que nunca máis escoitemos falar del. Estamos vendidos ante os creadores de noticias falsas.
En fin, mala pinta non ten:
Por favor, que remate a especulación e dea paso ao fútbol xa. En 10 minutos comeza a temporada oficial: Espanyol e Barça xogan pola Supercopa de España. Por fin.
16.8.06
Golazo de Verdú a pasada temporada
Son só 10 segundos, pero dan unha idea da calidade desta recente incorporación do Depor.
15.8.06
Cárlos Alcántara, fichaxe número 14 do Depor
Según informa hoxe o DeporSport, diario oficial do Depor, e indica Riazor.org, o Depor está a piques de confirmar á incorporación número 14 deste ano: Cárlos Alcántara, lateral esquerdo do Vilarreal, de 21 anos, que ficharía por 3 ou 4 anos, e que en principio podería ser inscrito con ficha do Fabril.Nas dúas temporadas pasadas xogou unha media de 3 partidos co Vilarreal, e este ano deuse a coñecer algo máis ao participar na eliminatoria da Intertoto.
E mentres, El Ideal Gallego di hoxe que Gonzalo Castro podería estar cada vez máis perto do Depor.
A configuración das 25 fichas cada vez é máis complexa para Caparrós. Acábase de publicar en Riazor.org unha reflexión sobre isto, indicando que hai 20 prazas xa decididas polo entrenador, e que as outras 5 sairán dunha lista de 10 xogadores (a falta de ver se hai incorporacións):
- 20 fixos: Aouate, Munúa, Manuel Pablo, Barragán, Lopo, Rodri, Arbeloa, Juanma, Capdevila, Coloccini, de Guzmán, Juan Rodríguez, Cristian, Estoyanoff, Riki; Iago, Verdú, Arizmendi, Bodipo, Taborda.
- 10 dos que sairán 5: Andrade, Duscher, Sergio, Acuña, Tristán, Scaloni, Pablo Amo, Valerón, Pablo Álvarez , Antonio Tomás (Valerón e P. Álvarez non terían ficha ata decembro por estar lesionados).
Algúns xa enterran ao Depor
Martín Pernau adicou unha entrada no seu blog ao partido do Depor contra o Milán, na final do Teresa Herrera. O seu veredicto é que o Milán está en crise, non concedendo ningún mérito ao bo partido xogado polo rival. Ademáis, o seu post ten algunhas perlas interesantes:
"El Depor ha hecho de la necesidad, virtud. Club venido a mucho menos, ha tenido que recolectar saldos y retales por doquier para completar su plantilla. Donde antes Lendoiro tiraba de talonario millonario y fichaba extranjeros a docenas ahora llegan chavales jóvenes malqueridos en sus equipos de origen y a Caparrós le toca armar el castillo con esos naipes de segunda mano.Son chavales de buen nivel y categoría a quienes Barça o Madrid no les van a dar ya más oportunidades y han preferido soltarles. Por más pasión que sienta Caparrós por los jóvenes canteranos no creo que fuese eso lo que andaba buscando ni lo que le prometieron, lo que unido a unas cuantas ‘lendoiradas’ tiene al entrenador andaluz sumido en la irritación permanente. Hay quien pronostica que la espiral decadente del Depor de Lendoiro le llevará indefectiblemente a Segunda. Es posible. Desde luego, este equipo no va a plantear ninguna propuesta futbolística de alto nivel. No tiene jugadores para realizarla."Despois engade algunha palabra amábel e de confianza en Caparrós, que non compensan as machadas anteriores. A ignorancia dos xornalistas de Madrid e Barcelona a respecto do que foi a historia recente do Depor é manifesta. O seguimento a distancia non lles permite caer nos detalles que os que vivimos o dia a dia aquí coñecemos e temos en conta. Sen ir máis lonxe, o tan famoso SuperDepor foi construido sobre un conxunto de xogadores descartados por outros equipos, que viviron na Coruña unha segunda xuventude, como foi o caso de Nando ou Aldana, xunto con estranxeiros que non foron disputados aos grandes clubes europeos, senón que chegaron aquí con modestia e humildade e coroaronse como as figuras de referencia. Fran era da canteira. López Recarte, Voro, Ribera ou Claudio Barragán non eran precisamente "galácticos". E Djukic chegou ao Depor sendo un completo descoñecido. Con isto, o Depor gañou unha Copa do Rey. Despois, na "segunda lección" de Lendoiro, na etapa na que se gañou a Liga, moitos dos xogadores chave tampouco foron compras millonarias ou superestrelas. Parte da columna vertebral daquel Depor foi construida cos remendos que soltou o Atlético de Madrid ao descender a segunda (Valerón, Molina, Capdevila), e Fran ou Mauro Silva continuaron a ser pezas chave durante moitos anos. Víctor foi un descarte do Madrid. De feito, algúns dos fichaxes máis caros do Depor non deron os resultados esperados, como é o caso de Sergio (sempre moi criticado na Coruña), ou mesmo o de Toro Acuña. En definitiva, nin o Depor deste ano vai ser o Barcelona, nin hai que enterralo antes de tempo e dicir falsedades sobre a importancia das fichaxes millonarias nos últimos anos. De feito, penso que se algo amosa a historia recente do Depor, é que Lendoiro cando fichou mellor foi cando tivo menos diñeiro para facelo.
Irureta e a nova etapa no Betis
Fun e son antiiruretista. Non aturei a amarrategui en todos os anos que estivo na Coruña. Non me gusta como xestiona a relación cos xogadores, coa directiva, co estadio, coa prensa; non me gusta o seu estilo de xogo conservador e defensivo. Vin case todos os partidos do Depor mentres el era o entrenador, e a miña opinión mantívose sempre estábel temporada tras temporada. Son consciente de que é o entrenador co mellor palmarés da historia do Depor, o cal ten o seu mérito, pero tamén foi o que tivo con moita diferencia a mellor plantilla, que nos seus primeiros anos era considerada por moitos xornalistas a máis completa e compensada da liga española. Non lle perdono o que fixo con Djalminha. Non esquenzo as ducias de tardes e noites de fútbol soporífero en Riazor. Como persoa non o coñezo nin o xulgo, como entrenador, non é o meu estilo. Durante os anos na Coruña, nunca o estadio coreou o seu nome, e os críticos con el contáronse sempre por miles... tendo en conta os bos resultados do equipo, isto da unha idea clara da pobreza do xogo que puidemos ver na maior parte das temporadas.
Agora, despois dun ano en branco comentado na radio e TV, comeza unha nova aventura no Betis. Na pretemporada non lle pode estar indo peor. Dos catro últimos partidos, con rivais mediocres, incluindo dous equipos de segunda división, empatou tres e perdeu hoxe o último por goleada (3-1) fronte ao Sporting de Braga.
En Sevilla comezan a aparecer as primeiras críticas ao xogo dos de Irureta, e isto non fixo máis que comezar.
Máis fichaxes para o Depor 2006/2007?
Hoxe, no programa El Largero da Cadena Ser, afirmaron que o Depor estaba interesado no extremo de 21 anos Gonzalo "Chory" Castro, xogador do Nacional de Montevideo. Xa houbera rumores con anterioridade, e nunha entrevista no Ideal Gallego o propio xogador amosábase sorprendido e ilusionado coa posibilidade. Tamén hai quen o sitúa xa no Betis. Xa sabemos as reservas coas que hai que interpretar os rumores de verán, pero... indica isto que a lista de fichaxes do Depor para este ano ainda pode medrar? Veremos nas vindeiras semanas o que acontece.
Mentres, Lendoiro terá cada vez menos tempo para resolver os casos Acuña, Tristán, Scaloni, Munúa, Acuña, Dusher e Pablo Amo...
14.8.06
Voltou Messi
Onte non podía durmir e estiven a ver, de madrugada, o derradeiro partido da xira 2006 do Barça por norteamérica. Despois de xogar só uns minutos no partido anterior, nesta ocasión Messi xogou o segundo tempo completo, e voltou a ser o que era antes da lesión de marzo: un xenio. Deu dúas asistencias, meteu un golazo, e cansouse de mover o balón con intelixencia e de xogar con verticalidade.
Algún día alguén debería darlle as gracias a Peckerman por ternos impedido disfrutar deste xogador no Mundial. Inperdoábel.
En calquera caso, boas noticias para o fútbol: voltou Messi.
7º Teresa Herrera consecutivo para o Depor
Hoxe estiven en Riazor para a final do Teresa Herrera.
Como tiña tempo pola tarde, achegueime a ver o Atlético de Madrid - Nacional de Montevideo, un partido totalmente soporífero. 2-1 para o Atlético, gañou o menos malo. O Nacional, moi inocente, non fixo nada. O Atlético, sen Torres e co mediático Agüero soamente no segundo tempo (non tocou un balón), limitouse a enviar algún que outro pase longo decente a Kezman, que tivo 4 ou 5 oportunidades clarísimas das que meteu unha, e de miragre. Partido para esquecer. O estadio estaba valeiro, menos xente que nun día de entrenamento.
A final foi outra cousa. O público de Riazor precisaba urxentemente de ilusión, bo xogo, e algún que outro resultado positivo (ainda que fora un trofeo de verán). Os dous últimos anos foron unha tortura, e cando moitos non daban un duro polo futuro do clube, Lendoiro e Caparrós semellan ter logrado crear, ao segundo intento, un proxecto que, como mínimo, chama á xente. Consecuencia: unha entrada moi boa para mediados de agosto, e un ambiente "de Champions" dende os primeiros minutos. En todo o ano pasado nunca vin á xente animar como se animou hoxe. A presencia de novas caras (8 dos titulares hoxe son novas incorporacións), permite comezar de cero de verdade, esquecendo rencores e pesimismos, e iso notouse en todo momento no estadio.
Gustáronme Lopo e Arbeloa atrás, moi serios e seguros, ainda que hai que velos máis para poder emitir opinións sólidas. Coloccini está perdido por momentos no centro do campo, pero tamén ten algunhas cousas impresionantes, como a capacidade para recuperar balóns e sair ao contraataque: merece un pouco de confianza nese posto. Barragán penso que pode ser a fichaxe do ano para o Depor, porque ten velocidade, técnica e colocación e transmite moita ilusión, se mantén a liña, penso que merece ser titular. Riki non semella ter collido a velocidade do ano pasado ainda (pareceume algo lento hoxe), pero aporta sempre calidade e gol na banda esquerda. Bodipo correu e desmarcouse máis hoxe nos primeiros 10 minutos do partido que Tristán en todo o ano pasado. Fichar xente de 20-e-pico é arriscado, pero ilusiona e transmite ao público que o futuro importa. Mackay estivo nervioso nalgunhas ocasións (non era para menos), pero fixo 3 ou 4 paradas de mérito e amosou boa colocación e unha grande axilidade. Agradécese o ar fresco, por fin.
Como notas negativas: Rodri non semella cómodo na banda esquerda. Sergio non está á altura para ser o lider do Depor, a min sóbrame entre os titulares. Juan Rodríguez ten moita presencia e chegada, pero non é un organizador-creador, e bótase de menos a alguén do perfil de Verdú ou Iago, polo menos que teñan a oportunidade de demostrar se teñen sitio ou non. 3 pivotes é demasiado. Co Milán pode funcionar, pero con equipos pequenos que se fechen atrás, imos precisar máis xente con imaxinación arriba.
De todos modos, as sensacións hoxe foron -coas debidas reservas- moi boas.
Pode que este si sexa o ano da "terceira lección" de Lendoiro, ainda que queda moitísimo camiño por percorrer. O tempo dirá.
Benvidos a "100 anos de fútbol"
Queridos leitores futuros (porque neste momento ninguén sabe que este blog existe, e porque espero que os haxa dentro duns días), son un socio do Deportivo da Coruña e -en parte por isto- un namorado do fútbol, como quen di, un ninguén.
O dia 13 de agosto de 2006, no descanso da final do trofeo Teresa Herrera, arredor das 23:52, apareceu na miña cabeza a posibilidade de crear un pequeno blog-terapia, que me permita deitar nel as miñas sensacións, ideas e teorías sobre o Depor e o fútbol en xeral.
Ata agora limitábame a ler outros blogs sobre fútbol (algúns deles, os máis recomendáveis, irán aparecendo nos meus posts de xeito natural), e a comentar aquí e acolá algunhas cousas en diversos foros deportivos de Internet, pero agora chegou o momento de ter un modesto veículo de expresión propio.
Desexádeme sorte!
Subscribe to:
Posts (Atom)
