29.10.07
Guardado: análise 9 partidos despois
Despois de 9 partidos de liga, gustaríame facer algunhas reflexions sobre Andrés Guardado, a fichaxe máis importante do Dépor nos últimos anos. É difícil xulgar a un xogador nun equipo que crea moi pouco fútbol, pero despois de máis de 800 minutos teño que dicir que estou algo decepcionado polo seu rendimento. Ten unha calidade impresionante, unha velocidade interesante e carácter gañador, pero está a desaparecer moitísimo nos partidos, non asume toda a responsabilidade que lle tocaría nun conxunto tan limitado, e sobre todo fáltalle chegada a gol. Apoia demasiado en defensa, facendo moito desgaste, e ensaia o disparo lonxano moito menos do que algúns esperábamos despois de ver unha e outra vez os tres golazos de media distancia que meteu en México. Onte, sen ir máis lonxe, contra o Madrid, tivo tres ocasións para fusilar dende o borde da área a Casillas e fixo tiros moi frouxos ou moi desviados. Esperamos máis del, o equipo necesítao.
Por certo, de mimar á afición coruñesa non sabe moito o mexicano. Primeiro comentou que quería ir xogar coa selección sub 21 unhas eliminatorias, ainda que para iso tivera que perder varios partidos co Dépor, e hai uns días coronouse dicindo que un dos seus soños é xogar no Real Madrid. Non se pode estar todo o tempo mirando cara ao futuro. Tempo terá de ir a un grande, pero agora débese ao equipo que lle ofreceu a carreira europea. Vexoo demasiado preocupado por dar o salto do Dépor a outro equipo grande, vexoo con presa, incómodo por momentos, como decepcionado porque pensaba que viña ao superdepor de hai uns anos -o que lle vendeu Lendoiro-, e non a este insípico e mediocre conxunto que loita por non descender.
Ainda é moi cedo, e espero estar equivocado con estes medos, con estas dúbidas despois de só 9 partidos, e que Guardado poda finalmente sacar todo o fútbol que todos pensamos que leva dentro.
Laudrup, ao estilo Lotina
Laudrup, entrenador do Getafe, despois dun partido do seu equipo hai unhas semanas, sobre a promesa arxentina Ustari, chamado según moitos a ser nuns anos un dos mellores porteiros do mundo:
Tuvo una noche tan mala que esperamos y rezamos para que el Pato esté listo para el partido contra el Real MadridLamentable. Ao máis puro estilo de Lotina con Filipe Luis e Barragán.
Os ex-criticados do Depor
O Tristán dos últimos tempos era asubiado en Riazor, e agora deambula polo mundo sen conseguir xogar nin meter goles, cun físico destrozado prematuramente. Duscher, ao que tamén o público criticou bastante, que presumía de ter ofertas do grandes do fútbol mundial, tivo que conformarse co modesto Racing de Santander. Agora vexo que Víctor, outro xogador bastante criticado na Coruña, e na miña opinión do máis frouxo da súa época, ten que aceptar unha oferta do Elche, de segunda división ante o fracaso no fútbol grego. O señor Irureta, que tan criticado foi durante todos os anos que viviu na nosa cidade -especialmente se un ten en conta que os resultados foron os mellores da historia do clube-, afundiu ao Betis e non ten ofertas de relevancia. Ao final vai ser que o sector máis crítico/esixente de Riazor, entre o que me atopo, vai ter máis idea de fútbol da que algúns pensaban. Hai bastantes máis exemplos recentes...
Vivos despois de outubro
Se a un seguidor calquera do Deportivo, fai unhas semanas, con 5 puntos de 18 e un calendario no que esperaban o Sevilla, o Valencia e o Madrid, lle dixeran que o seu equipo ía sacar 3 puntos e sair con bastante dignidade no xogo e a imaxe dada, destes tres envites, non o crería.
Dito isto, houbo bastante sorte. Collimos a un Sevilla que ainda non se recuperara dun comezo complicado de liga (lonxe de esaxeracións que falaban dunha lección do equipo de Lotina) e gañamos cun xogadón de Guardado; non soubemos aproveitar o partido caótico dun tocado Valencia; e aguantamos 70 minutos o ritmo dun Madrid que canto peor xoga máis partidos gaña. Sen facer maravillas, pero con algo de orde, entramos vivos -ainda que na zona perigosa- dun mes de outubro moi complicado.
As cousas positivas que quedan do mes son o impresionante estado de forma de Manuel Pablo, que está a viver unha segunda xuventude, a consolidación como titular de Filipe Luis, demostrando que sabe defender tan ben como os demáis, a pesar das desagradables palabras do seu entrenador, a seriedade atrás de Adrián López, proba de que o salto de segunda B se se ten calidade é menor, e a confirmación de Verdú como titular indispensable, ante a falta absoluta de persoas que saiban tratar ben ao balón.
As notas negativas son a perpetuación de Sergio na titularidade (por fin nos libraremos del o mércores despois da expulsión), a incomprensible decisión amarrategui de colocar ao insulso Juan Rodríguez na banda dereita (Pablo Álvarez, sensación da pretemporada, segue sen ter unha mínima oportunidade), e a falta dun dianteiro de garantías.
O mércores comeza de novo a nosa liga, e estamos con necesidade urxente de gañar un par de partidos seguidos para poder deixar os últimos 5 postos. Dificil tarefa.
1.10.07
Mellor xogo, igual resultado: Espanyol 1 - Dépor 0
A solución de Lotina foi facer 6 cambios respecto ao equipo que xogara contra o Recre. Por fin Filipe pola esquerda. Por fin De Guzmán por Juan Rodríguez. Por fin Verdú de titular (ainda que fora de sitio). Na defensa, Lotina fulminou a Aythami despois dun só partido (de novo exercendo de psicólogo) e deulle a titularidade a Adrián López "Piscu". Ademáis, colocou de titular a Xisco, que non xogara nin un minuto na liga, de suplente a Riki, que fora dos mellores no partido anterior. E mantivo no equipo aos nulos Sergio e Lafita, os únicos que incomprensiblemente parecen indiscutibles no megamix que partido tras partido Lotina fai coa alineación inicial. Barragán -vaino afundir, tempo ao tempo- e Taborda, supostamente os culpables do mal partido anterior, non foran nin convocados.
A estas alturas xa temos bastante claro que o novo entranador do Dépor di constantemente unha cousa e fai outra. Di que cre no fútbol de toque e non lles da a titularidade indiscutible aos "tocadores". Di que lle gusta Pablo Álvarez e non lle da nin un minuto para que poda aportar ao equipo. Di que cre nos equipos estables nos que a xente sabe o 11 inicial de memoria e fai cambios sen ton nin son unha xornada tras outra. A teoría e a práctica non coinciden para o señor Lotina, que comeza a contar os detractores en Coruña -e non leva aquí nin dous telexornais- por ducias.
É certo que o xogo foi mellor que nos partidos anteriores, e que un resultado xusto tería sido o 0-1 ou incluso 0-2, pero tamén é verdade que seguimos a ter graves problemas pola escasa aportación en ataque de xogadores como Lafita ou Sergio. Ademáis, Xisco ten forza, pero carece totalmente da calidade necesaria para xogar en primeira división, como se puido ver en varias oportunidades clarísimas que non soupo aproveitar. Podemos estar xogando dez anos que non metemos gol. Levamos 3 en 6 partidos, e somos xa o equipo menos goleador do campeonato, empatados cos colistas tamén niso.
As nota máis positiva a aportación ofensiva de Filipe, claramente merecendo a titularidade, entendéndose ben con Verdú e Guardado. Piscu estivo correcto, ainda que o gol veu dun erro na marcaxe ao non cubrir a Tamudo nin el nin Coloccini.
Estamos nunha situación complicada, terceiros pola cola e cos tres próximos partidos contra o Sevilla, Valencia (en casa) y Madrid. Temos que tentar como sexa gañar un deles, polo menos. De todos modos, isto non fixo máis que comezar.
Hai que quedarse con que xogando un pouco mellor, e se por fin Lotina retira do 11 inicial a Sergio e Lafita, poderemos polo menos loitar por ir saindo da zona de perigo para ter un pouco máis de tranquilidade. Se non é así, Lendoiro terá moi complicado cumplir co que dixo hai unha semana, cando afirmou que tiña a intuición de que Lotina estaría aquí máis tempo que o seu clon o señor Iruretagoyena.
29.9.07
Desexando que Sergio marche do Dépor
Se Sergio abriu a veda, e falou libremente do público de Riazor, con escasa elegancia e pouco consciente de quen é o que paga o seu excesivo soldo, non vamos ser menos nós á hora de xulgalo a el. Penso que, como comentaba moita xente nos foros de Riazor.org, esta semana, coas suas declaracións contra o público, e a pesar da tímida rectificación (quen analice o texto verá que non rectifica as súas palabras nin admite que se confundiu, só tenta colocar matices) co insulso comunicado de prensa ao día seguinte, o xogador catalán comezou a cabar a sua propia tumba.
Por min, que marche canto antes. Chegou hai sete anos precedido dunha fama inmerecida, despois dun desembolso por unha cantidade esaxerada, e nunca chegou a aportar nada ao equipo. Primeiro xogou ao lado dos mellores do mundo e foi un cero á esquerda, e cos anos, cando eses mellores marcharon e a el se lle foi esixindo maior aportación a un equipo con xente nova, foi perdendo fondo físico, cometendo cada vez máis erros, e sendo incapaz de asumir o protagonismo que se lle presupón ao coñecer o seu soldo (que ao ser tan alto impediu a sua saida de Riazor os dous últimos anos).
Esperemos que o estadio lle amose o seu enfado no próximo partido, e que en decembro o clube prepare a sua saida. Sairíamos beneficiados tanto no futbolístico como no humano.
Primeiro aviso para Lotina: Dépor 0 - Recre 2
Non teño moito tempo esta semana, así que serei telegráfico: Lotina estivo fatal. Éncheselle a boca co do fútbol de toque e despois non é quen de manter sobre o campo durante máis de dous partidos seguidos a Verdú, un dos poucos que a sabe tocar. O coello que sacou desta volta o entrenador foi dar a titularidade ao antifutbolista Taborda, que saiu asubiado de Riazor, e xogar case todo o partido a pelotazos, de novo ao estilo Caparrosiano da pasada temporada. No medio campo, máis do mesmo, Juan Rodriguez é un futbolista con aportación nula, que non fai nada ben, e Sergio segue a ser o grande lastre para o equipo. Ningún dos dous sabe facer un apoio, unha parede ou unha chegada ofensiva. Lafita segue desaparecido, lento, perdendo balóns, e sen facer unha soa xogada meritoria. Pide a berros ser reemplazado durante uns cantos partidos, á espera de que se poña en forma física e mentalmente. Só Guardado, que non estivo especialmente afortunado pero é de lonxe o mellor e non parou de tentalo, Riki, que se moveu con potencia e atrevemento durante bastantes partes do partido, e os minutos finais con Verdú dinamizando o xogo, poden ser salvados. Ata a defensa estivo fatal, con Aytami lento e moi nervioso no seu debut en primeira, e o resultado podería ter sido máis amplo se o Recre non xogara unha segunda parte lamentable, limitándose a defender o ineficaz xogo deportivista. O público saiu de Riazor falando da pantasma do descenso. É moi cedo para pensar nisto, e plantilla hai para tentar estar na zona tranquila, pero hai que admitir que o xogo do equipo, salvando o partido do Betis, está moi lonxe de ser ilusionante. Outra cousa que comentaron moitos ao sair do estadio, é que Lotina non chegaría ao Nadal. Dende logo vai ter que reaccionar se non quere que a bancada se volte totalmente contra el. Pronto o saberemos.
26.9.07
Guardado unha das 'revelacións' da Liga según Marca
Hoxe o Marca, nun artigo sobre as caras novas que máis están a sorprender ao comezo da temporada, inclúe a Guardado xunto con Rossi (Villarreal), Susaeta (Athletic), Pablo Hernández (Getafe), Negredo (Almería), Sisi (Valladolid), e Matuzalem (Zaragoza). Un megamix bastante sorprendente que mestura xente de 27 anos con outra de 19, e que compara xogadores que xa amosaron a súa calidade anteriormente con outros aos que ainda non vimos dous partidos completos. De todos modos, agradécese que unha fichaxe do Dépor ocupe portadas, tanto tempo despois.
24.9.07
Nova lesión grave de Jorge Andrade
No partido celebrado hoxe entre a Roma e a Juventus, Andrade lesionouse gravemente rompendo de novo, igual que hai un ano e medio, o tendón rotuliano. Será baixa para todo o que resta de temporada, salvo sorpresa na revisión médica á que se someterá o ano que ven.
Algunhas persoas están xa a dizer que isto amosa a intelixencia de Lendoioro ao vendelo xusto antes da lesión. Na miña opinión, e supoño que na da maioría da xente, estas declaracións carecen de elegancia e son claramente oportunistas e absurdas.
Dende aquí, os mellores desexos para que Jorge volte o antes posible aos terreos de xogo.
Soporífero e xusto empate: Getafe 0 - Dépor 0
Un partido na liña dos moitos 0-0 do ano pasado fora da casa. Con dous equipos aos que non lles sobra a calidade, xogando con bastante medo, e con todo indicando dende o primeiro minuto que, salvo miragre, o resultado sería o que foi, empate a ceros.
Pouco se pode salvar do partido. Guardado sempre ten destellos, e saiu ao contragolpe varias veces con moito perigo, pero non foi suficiente. Aouate está moi seguro neste comezo de liga e tivo outra man salvadora. A defensa estivo sólida e segura, incluso nos últimos minutos, nos que os laterais estaban ocupados polos ridiculizados publicamente por Lotina: Barragán e Filipe Luis. Pouco máis.
Como notas negativas, Lafita segue estando moi lento e sen aportar nada, Sergio foi de novo o peor xogador do equipo -xa non é noticia-, e Verdú non se atopa cómodo na media punta e debería ser o creador de xogo no centro do campo, como pode ver todo o mundo menos Lotina. Nota ao marxe require o caso de Cristian, un xogador que trota e trota, recorta e recorta, pero nunca aporta nada importante para o equipo, carece totalmente de visión de xogo, de profundidade e de gol, e leva tendo a venia dos entrenadores máis dun ano sen dar nada a cambio -pide a gritos sair das convocatorias-; xa pouca xente entende que Pablo Álvarez sexa o terceiro interior esquerdo do equipo.
O mellor, que en tres días temos a oportunidade de esquecer o mal xogo, facer bo este empate e sumar 3 puntos contra o Recreativo.
17.9.07
Guardado + Verdú = Dépor 1 - Betis 0
Non se me ocorreu mellor título para o post sobre o partido de hoxe. Ainda que varios xogadores fixeron un bo partido, entre eles Manuel Pablo, Riki ou o providencial en duas accións Aouate, e a actitude xeral foi moito máis agresiva e ambiciosa que nas dúas xornadas anteriores, foron Guardado e Verdú os que marcaron a diferencia. A calidade é a que permite crear, chegar á porteria contraria, e dominar ao equipo rival; e sen dúbida estes dous xogadores son os que máis aportan neste sentido de todo o plantel coruñés. O do mexicano é de quitar o chapeu: chegou o xoves, despois dun amigábel e de cruzar o oceano, apenas puido entrenar, e para a sorpresade todos mantivo unha concentración total nos 90 minutos, correu sen parar, e fixoo todo ben. Marcou nunha acción de pillería e habilidade -con celebración bicando o escudo do Dépor incluida-, apoiou en defensa, contraatacou, deu pases e centros milimétricos -o roubo e pase cruzado para Verdú no segundo tempo, que éste culminou de tiro raso ao pau, mereceu ser gol- e amosouse en todo momento como o referente ao que buscaban sempre os seus compañeiros para levar perigo á meta rival. Temos sustituto digno para Fran, como mínimo. Verdú segue medrando como xogador, e sacando algúns lances nos que estivo algo lento, ofreceuse constantemente como opción de pase, xogou ben entre liñas, e adaptouse a un posto que non é o ideal para el, aportando moito ao equipo, e merecendo un gol que non chegou por pura mala sorte. Os dous mellores, sen dúbida.
As notas negativas, para min, foron por un lado un excesivamente lento Lafita, que foi o máis frouxo do partido, e o nerviosismo totalmente comprensible de Barragán nalgunhas xogadas, despois de que o seu entrenador o ridiculizara publicamente en varias ocasións. O prometedor lateral ten sobre as súas costas a presión de sentirse examinado en cada acción defensiva, e facelo ben así é moi complicado. Alguén debería explicar a Lotina que criticar publicamente é de entrenadores pouco psicólogos, de dubidábel ética. Ainda así, sacando un par de accións nas que estivo despistado, fixo un bo partido.
A pesar da triste media entrada que tivemos hoxe en Riazor, a xente estivo totalmente enchufada co equipo, apreciando as combinacións, por momentos espectaculares, e os detalles de calidade dalgúns dos xogadores. Incluso algún, como Sergio, que callou un partido correcto sen máis -tampouco nos enganemos, segue sendo un paquete-, tiveron por unha vez a tregua do público. A victoria foi celebrada cunha ovación fechada ao final do partido.
Deixo o resumo de 6 minutos:
13.9.07
Guardado no amigable Brasil 3 - México 1
42 da primeira parte, marcador 0-0, no minuto-a-minuto da web de Terra para México, sae isto: "Gooooooooooooooooooooooooool de México. Gol de Cacho. Gran jugada de Guardado que cede a Nery, este le regresa y Guardado saca centro para que Cacho sólo la empuje". Uns segundos despois empataba Brasil un erro de marcaxe no saque dun corner. Na segunda parte, o partido foi menos intenso, e Brasil soltou dous zarpazos que sentenciaron o partido.
Fixen o esforzo de quedarme a ver a retransmisión por Internet esta madrugada, con especial motivación en ver a Guardado. Pagou a pena, o xogo estivo entretido. Ainda que México empezou ben e ten un bo equipo, Brasil é moito Brasil e foi superior.
Guardado foi titular -xogou todo o partido-, e tivo un rival complicado diante, con Dani Alves tentando seguilo sempre de perto. Isto fixo que non estivera moi solto, pero deixou xogadas para a galería, sobre todo a do gol de México, na que se incorporou con velocidade pola esquerda, apoiouse en Nery Castillo (xogador xenial que incomprensiblemente non está nun grande), que lle devolveu maxistralmente co exterior, e cando estaba nun man a man co porteiro, molestado por un defensa brasileiro, nunha situación na que a maioría dos xogadores tentarían facer gol, sacouse un pase sinxelo á dereita, onde un compañeiro estaba só para empurrala á rede. Participou bastante noutros lances do partido: ao comezo da segunda parte sacou un balón baixo os paos que xa se colaba tras un cabezazo de Robinho, pouco despois fixo unha entrada que non viña a conto e levou un merecidísimo cartón amarelo, e tivo erros, como no terceiro gol de Brasil, no que estivo algo despistado nun balón longo. En xeral, xogou un partido correcto.
Canto máis o vexo, máis convencido estou de que ten unha mestura única de calidade, velocidade e visión de xogo. Isto é bo, porque imos disfrutar moito este ano con el, se o resto do equipo acompaña mínimamente, e malo porque é moi probable que no verán chegue un grande con 20-25 millóns baixo o brazo.
Deixo por aquí o resumo do partido, que comeza coa xogada do gol de México:
8.9.07
Lotina non coñece aos seus xogadores
É un caso común a todos os entrenadores que van chegando a equipos secundarios, ano tras ano. O mundo coñece a fondo as cualidades dos xogadores do Madrid, o Barça ou o Valencia -todos poderíamos facer unha alineación competitiva neses casos-, pero cando toca analizar os equipos de metade da táboa, menos televisados, moito menos repetidos e comentados durante a semana, hai moitísimo descoñecimento. Un seguidor medio do Depor, que ve 3 partidos do Almería ao ano, pouco sabe da posición na que se sinten mellor os seus xogadores, ou de cales aportan máis e cales menos. O que sorprende máis, porque son profesionais do tema, e porque se lles presupón unha cultura xeral futbolística, é que os entrenadores reproduzan este tipo de problemas, unha vez tras outra, cando chegan a un equipo pequeno.
Así, podemos ver casos como a recomendación de fichaxe de Tristán por parte do Mallorca no ano pasado, cando na Coruña ninguén daba un duro polo que hai uns naos era -na miña opinión- o mellor dianteiro español. Así podemos ver como moitos xogadores son colocados fora de sitio (Verdú de media punta, por colocar un exemplo recente). E así podemos ver como ano tras ano, ou trienio tras trienio, chega á Coruña un novo entrenador, que confía totalmente en Sergio como catalizador do xogo do Deportivo. Calquera que teña visto 20 partidos ao ano do xogador catalán durante as últimas temporadas, sabe perfectamente que Sergio aporta moi pouco ao equipo, resta moito en concentración e calidade, e sobre todo sabe que nunca -nin nos seus mellores tempos no Español- tivo a suficiente clase como para organizar o xogo de ninguén.
Agora está claro. De novo está a suceder. Lotina non coñece aos seus xogadores. Onte, nun partido amistoso que el mesmo calificou de urxente, sacou moitas conclusións importantes -a boas horas-. Descubriu que Verdú aporta xogo ao equipo (obvio), e que debe ser titular (a ver se é certo). Todo así, de súpeto, como se caera dun guindo, como se non tivera visto a estes xogadores nunca antes na súa vida. Como Clemente cando chegou a Serbia e tivo que buscar un asesor para facer a convocatoria da selección. Todo sorprendente como a alineación de titular de Rodri, un mes despois de estar descartado e un día antes de marchar como cedido (Rodri ainda debe estar buscando a un psicólogo que lle explique o sucedido). Sorprendente como que Pablo Álvarez, o mellor na pretemporada, loubado durante semanas por Lotina, non xogara ainda un minuto na Liga. Sorprendente como falar en público, repetidamente, dos defectos defensivos dos seus xogadores (sobre todo de Barragán e Filipe), algo de escasa elegancia. E sorprendente -sobre todo- como as palabras que tivo onte o entrenador sobre o descartado e ignorado Antonio Tomás despois do partido en Portugal: "Antonio Tomás nos da fútbol y puede aportarnos cosas importantes".
5.9.07
Botamos de menos a Valerón
Para que ninguén se esqueza de que temos na plantilla, co número 21, a un dos mellores xogadores do mundo, e con todos os meus desexos para este ano podamos velo de novo nos terreos de xogo, aquí deixo unha recopilación de 8 minutos con algunhas das xogadas do xenio.
O potencial de Andrés Guardado
Unha serie de destellos no medio de soporíferos partidos do seu equipo, están a ser suficientes para que os seguidores do Deportivo vexan que Andrés Guardado non é un xogador normal, senón un proxecto de superclase, un xogador con posibilidades de chegar a ser, en dous ou tres anos, se a súa evolución é a esperada, un referente nalgún dos mellores equipos do mundo. Ten unha mestura de calidade, velocidade, e entrega moi complicadas de ver xuntas, e todo isto cunha cabeza que semella bastante ben amueblada e unha vida familiar estable e tranquila. Pouco a pouco, comezamos todos a comprender por que é tan querido en México, e no Atlas, tal e como se pode ver no seguinte video:
A principal dúvida a día de hoxe, tal e como se están a producir os acontecementos, é se vai ser quen Guardado de tirar, con 20 anos, dun equipo con escasez de recursos, ou se a dinámica negativa coa que comeza o Deportivo 2007/2008 de Lotina e Lendoiro vai ter máis forza que el, e ambos -equipo e xogador- van sair perxudicados e a ver limitado o seu crecemento. Eu, como para chorar sempre hai tempo, vou ser optimista, e apostar porque o mexicano vai ser unha das revelacións da liga, e unha peza chave para consolidar ao Deportivo na zona tranquila de metade da táboa. Quizais a consecuencia disto sería que alguén pagaría a súa non moi elevada cláusula, pero todo sexa polo ben de Andrés e da delicada economía do Dépor.
3.9.07
Empate inmerecido: Valladolid 2 - Dépor 2
Que ninguén se engane polo resultado. A imaxe ofrecida hoxe polo Deportivo foi moi semellante á de hai unha semana -nefasta-, coa principal diferencia de que o rival non estivo tan inspirado e os dous goles do Dépor viñeron en xogadas illadas, acompañados de bastante fortuna.
O prantexamento de Lotina foi o de cambiar a case todos, deixando ao principal culpable do mal xogo do equipo -o suposto cerebro Sergio- no campo. Os "castigados" polo do Almería eran Rodri, De Guzmán, Cristian, Riki e Adrián. Saían no seu lugar Barragán, Juan Rodríguez, Lafita, Verdú e Taborda. Barragán e Lafita , persoalmente, considero que poden ser titulares (ainda que sigo dicindo que na pretemporada Pablo Álvarez xogou moi ben e non merece ser ignorado como o está sendo). O de Juan Rodríguez, xogador insípido onde os haxa, que non aporta nada ao equipo, é incomprensible. Verdú debe xogar, pero máis atrasado, como na segunda parte, Taborda... pois é Taborda, sen máis, un xogador que nun equipo normal non tería nin o primeiro minuto pero que está chamado a aportar cousas neste Deportivo cheo de mediocridades.
O partido foi feo. Na primeira parte o Dépor intentou amarrar o empate e xogou moi directo, lembrando os pelotazos de 40 metros á cabeza de Taborda que tanto utilizou como pobre recurso o equipo de Caparrós na pasada temporada. Nun erro infantil de marcaxe chegou o primeiro gol do Valladolid, á saída dun corner; o gol era merecido porque o equipo local dominaba claramente. Isto obrigou aos de Lotina a ter que tentar xogar a algo, a atacar con maior intención, e nun centro a perna cambiada de Manuel Pablo, Taborda empatou cun gol típico seu no que aproveitou a envergadura para gañarlle a posición á defensa. O Valladolid seguiu sendo mellor e marcou o 2-1 merecido, nun bonito gol. Cando xa semellaba que o Dépor non reaccionaba, Riki, recén saido ao campo, tentou un tiro colocado dende a frontal, que tocou claramente no defensa e converteuse nunha envelenada vaselina que despistou ao porteiro, un gol bonito pero con moitísima fortuna. O Valladolid non tivo tempo para reaccionar.
Duas chegadas do Dépor; dous goles; empate claramente inmerecido; ningún xogo; pouco espazo para a esperanza. Sergio sobra urxentemente do equipo, e precisamos máis participación de Guardado, o único recurso que temos con gran capacidade creativa. Veremos como segue isto no próximo capítulo: dentro de 15 días en casa contra o Betis. De momento, ainda que é moi cedo para falar, estamos en postos descenso.
26.8.07
Reality bites: Dépor 0 - Almería 3
Non teño moito que dicir. Estou bastante sorprendido e decepcionado.Hoxe pasei vergoña en Riazor. A xente saiu abatida, falando de que nos íbamos a segunda. Todo comezou cos anuncios de Lopera onte: Rodri, descartado hai un mes, suplente o ano pasado en segunda, sería titular porque -según el- Barragán non sabe defender e vai mal por alto; Cristian sería titular porque Lafita non estaba ao 100% e nun momento de xogo espectacula (ningún xogador do mundo tivo máis oportunidades o ano pasado, titular toda a liga sin demostrar absolutamente nada, coma hoxe). Seguiu ao chegar ao estadio e ver a media entrada, e a frialdade coa que os xogadores foron recibidos, coa tímida excepción de Guardado, que lembraba moito ao ambiente do ano pasado. O noso partido foi un desastre. O Almería veu a empatar, a perder o tempo dende o primeiro minuto, e tardou pouco en decatarse de que era moi superior ao seu rival e que podía gañar o partido sen dificultades. Foi un baño. O Deportivo non tirou ningunha vez entre os tres palos. O Almería meteu 3, perdonou outros 3 claros, e dedicou o resto do tempo a bailar aos afundidos xogadores do Dépor. Non houbo calidade, nin toque, nin xogo, nin presión, nin desbordes, nin agresividade, nin ritmo. Nada. Encefalograma plano. A clonación exacta da maior parte dos partidos do ano pasado. Con Lotina comezamos xogando como con Caparrós, ao patadón, e sen sentido. As análises individuais fareinas durante a semana, polo de agora só quero adiantar que Guardado é o mellor xogador da plantilla con moita diferencia, e fixo un moi bo partido no medio do desastre, e que o feito de darlle a organización do xogo ao peor xogador da plantilla deportivista, Sergio, que leva deleitándonos coas súas carencias durante anos, e hoxe levou a maior parte dos asubíos da bancada, define a un entrenador.
24.8.07
O meu once inicial
Confeso que cando a fichaxe de Lotina foi anunciada levei un disgusto enorme. Pensaba que non era o que precisábamos, e sigo a pensalo. Porén, durante a pretemporada, unha imaxe descoñecida do entrenador apareceu ante nós: un amante do fútbol de clase. Sorprendente, tendo en conta o seu pasado, pero como prometín en posts anteriores, só por iso xa merecerá o meu beneficio da dúbida. Dareille uns partidos antes de comezar a xulgar.
De momento, o once inicial que se presenta na maioría dos medios como o que vai comezar a Liga, non está moi lonxe do que eu escollería. Lotina apostará, según parece, por Aouate, M. Pablo, Lopo, Coloccini, Barragán, Lafita, Guardado, Sergio, De Guzmán, Riki e Adrián. Teño que dicir que a día de hoxe eu só faría dous cambios sobre este once: Filipe por Manuel Pablo, e Verdú polo sempre decepcionante e sempre titular Sergio, coa dúbida entre apostar por Lafita (a quen teño que ver máis) ou darlle minutos a Pablo Álvarez, que me gustou moito nos partidos de pretemporada. Non está mal. Por certo, só 5 destes xogadores eran titulares o ano pasado con Caparrós, e algúns deles xogaban claramente fora de sitio (casos flagrantes de Coloccini e Riki).
A conta atrás
Non sei se é o "pequeno príncipe" Guardado. Non sei se será que ata Riki semella outro. Tal vez sexa por fastidiar á Voz de Galicia. Igual é a idade, ter un ano máis. Se cadra o motivo é que na liga pasada tocamos fondo na forma de xogar, que non se pode facer peor. Que xa asumín que non seremos o SuperDepor, de momento. Non sei se é porque paso unha etapa persoal moi boa. Se é porque me gusta levar a contraria ás maiorías. Se é porque no fondo non perdín toda a confianza en Lendoiro, como pensaba. Quizais sexa porque un é máis feliz así, pensando en positivo. O caso é que teño máis ganas que nunca de que comece a Liga. Que estou bastante máis ilusionado co Depor que os últimos anos. Que vou saborear as victorias, cada unha delas, como só os equipos que non son grandes pero teñen sentimento poden facer. Son o único?
21.8.07
Arbeloa's song
Menudo salto pegou Arbeloa en seis meses. De nin sequera ser titular indiscutible no equipo de disparadores de melonazos que montou Caparrós na Coruña, a xogar moitos minutos nun dos mellores equipos de Europa, nun dos mellores campos do mundo, cun dos mellores espectáculos nas gradas.
O outro dia na radio dicía que seguía moi pendente do que facía o Dépor, que sabía que se reforzara, que tal e que cuál. Que tiña moito cariño polo equipo e pola cidade. Sorprende tal mestura de bondade de carácter e categoría futbolística. Un dos moitos canteiráns despreciados polo Madrid. Teño con el a conexión que se ten cos xogadores que deixan pegada, eses dos que sempre estás pendente, ao longo da súa carreira, e aos que sempre desexas que lles vaia ben.
E polo visto, vaille tan ben, que ata ten a súa propia canción nas bancadas de Anfield Road: "Arbelooooaaaa, Arbelooooaaaaa, if there is anything that you want, if there is anything he can do, just give him the ball and he will run through and score a goal for Liverpool, Arbelooooaaaaaa, Arbelooooaaaaa". A pel de galiña.
Xornalismo imaxinario
O que fan cada verán os xornais deportivos españois é de xuzgado de garda. Como non teñen nada interesante do que falar (porque facer unha análise a fondo e futbolística do ano anterior ou do que pode pasar no seguinte é traballoso e non vende), adícanse a INVENTAR. Directamente. Sen medo a quebrantar un código deontolóxico do que nunca sentiron falar. Sen vergoña propria nen allea. Cunha cara grande como un universo. Inventan fichaxes, saídas e entradas, dos clubes aos que cada un deles apoia claramente, coa mesma falta de vergoña. Son capaces de estar dous anos dicindo que un xogador vai ser fichado cando o propio xogador leva catro dicindo que é todo mentira. É unha vergoña que existan, e outra que vendan tanto. Será porque non hai competencia, e á xente encántalle o deporte. Será porque é menos traumático ver mentiras sobre o teu equipo que ver a un neno sen brazos na portada dun xornal. Será porque somos unha zona inculta do planeta.
É realmente necesario toda esta palla? Por favor, que comece xa o espectáculo de verdade, e que calen os bufóns dunha vez.
19.8.07
Dani Mallo terá pesadelos con Quaresma
Despois de 5 anos na sombra dos porteiros titulares do Dépor, cunha cesión con resultados mediocres polo medio, Dani Mallo, o último gardaredes chegado ao fútbol de elite dende a canteira coruñesa, segue sen conseguir sentirse importante como futbolista. Con 28 anos, Dani é o porteiro suplente, na foto co número 12, do Braga na Superliga portuguesa.
Esta semana soñará sen dúbida con Quaresma. Na visita do F.C. Porto á antiga cidade de Gallaecia, o extremo portugués clavou dous goles de falta estratosféricos, sobre todo o segundo, ao coruñés, que tiña a posibilidade de mostrar a súa valía ante a ausencia do porteiro titular, Paulo Santos. O seguinte video contén os dous goles, que Mallo lembrará durante moito tempo:
25
20 anos. 5 de contrato. 25 millóns de cláusula. A maior promesa do fútbol mexicano. O deportivismo está dividido entre os que queren un novo "caso Rivaldo" con venda multimillonaria que reduza a eterna débeda, e os que ven nel un novo xogador bandeira que nos podería levar de novo á gloria. Eu son dos segundos. Está recén chegado, sorprendido polo que o rodea, e ten un longo camiño por diante. Fica todo por demostrar. Esperemos que as espectativas creadas nun público deportivista ávido de referencias non lle supoñan unha carga escesiva. Precisámolo.
16.8.07
Gol de falta de Guardado
Primeiro gol de falta directa de Guardado co Depor, no segundo 20 do resumo do partido contra o R. de Ferrol de onte:
12.8.07
Catenaccio
Se alguén quere ver un partido paradigma do Catenaccio, que baixe e vexa o do Reading hoxe na casa do United. Alucinante. Durante bastantes minutos renunciando por completo ao ataque, sen deixar a ninguén arriba, e cunha desconcertante e pouco habitual defensa individual a todo o campo, atascou o suficiente ao Manchester para conseguir un empate a ceros.
Seguramente dentro duns meses, con os ainda non disponibles Saha, Tévez ou Anderson, co equipo mellor físicamente e máis rodado, e cunha pouca máis de sorte, o resultado sería de escándalo. Pero hoxe, ao máis puro estilo Caparrós, con defensa dura e abundante e renunciando a calquera mostra de calidade, o Reading arrincou un inesperado punto no derradeiro partido da primeira xornada da Premier 2006/2007.
Por certo, para os despistados: este ano cada fin de semana -e tamén moitas veces entre semana- televisaranse en directo dous partidos da Premier League, un o sábado por TVE e outro o domingo por Teledeporte (canal de TDT).
Seguramente dentro duns meses, con os ainda non disponibles Saha, Tévez ou Anderson, co equipo mellor físicamente e máis rodado, e cunha pouca máis de sorte, o resultado sería de escándalo. Pero hoxe, ao máis puro estilo Caparrós, con defensa dura e abundante e renunciando a calquera mostra de calidade, o Reading arrincou un inesperado punto no derradeiro partido da primeira xornada da Premier 2006/2007.
Por certo, para os despistados: este ano cada fin de semana -e tamén moitas veces entre semana- televisaranse en directo dous partidos da Premier League, un o sábado por TVE e outro o domingo por Teledeporte (canal de TDT).
10.8.07
Envexa sana
- Messi, Eto'o, Henry, Ronaldinho, Bojan, Dos Santos, Xavi, Iniesta, Deco.
- C. Ronaldo, Roney, Nani, Tévez, Anderson, Saha, Scholes, Carrick.
- Mackay, Tristán, Luque, Fran, Djalminha, Mauro Silva, Valerón.
- Taborda, Riki, Bodipo, Rubén Castro, Xisco, (P. Álvarez), Sergio, (Guardado),... :-(
Primeiras impresións
Os flashes que teño, as primeiras impresións, do Deportivo 2006/2007, son os seguintes:
- Guardado é a dose de maxia e esperanza que levaba agardando Riazor dende que se retirou Fran. Non sei se vai ser un crack ou non, pero vainos facer disfrutar moito. Por fin unha fichaxe ofensiva decente.
- Lotina é un triste, o herdeiro de Irureta, un dos peores que podiamos fichar, pero despois do antifútbol, do señor Caparrós, voulle dar unha oportunidade. Vou facer o propósito de xulgalo sen prexuizos. Ademáis, sorprendentemente para os que coñecemos o seu pasado, está a dicir que vai apostar pola calidade e o toque. Que sexa verdade, por favor.
- Pablo Álvarez está como unha moto físicamente. Moito máis rápido que o ano pasado. Para min, é o interior dereito titular, por diante de Cristian.
- Verdú ten que xogar como pivote de creación, fáltalle algo ainda, pero ten clase. Ao seu lado, debe xogar De Guzmán. Que roube e pase a 1 metro, como o mestre Mauro Silva. Para tocar, están outros.
- Lopo e Coloccini fan unha parella de garantías. Van facer que sangue menos a ferida de Andrade.
- Filipe e Barragán deben ser titulares nos laterais. Rodri está perdido nesa posición e Manuel Pablo xa non está para moito.
- Taborda é un paquete, un antifutbolista, pero se este ano xogamos con interiores que saiban centrar (P. Álvarez e Guardado, que ten unha luva no pe) vai meter algúns goles importantes.
- Dou grazas a quen corresponda por non ter que ver xogar máis ao totalmente antiestético Arizmendi. Malísimo futbolista. Tampouco vou botar de menos a Duscher nin a Capdevila. Lástima de Sergio, que nunca o damos colocado.
- Riki vai facer un ano bastante mellor que o anterior (non é difícil).
Resurrección
Este blog volta á vida. Hai 8 meses a aposta polo pragmatismo e a aniquilación de calquera tipo de fútbol de creación do estadio de Riazor (e de todos os visitados polo equipo co peor xogo da temporada 2006/2007), xunto cunha etapa persoal de moito traballo, fíxome abandonar temporalmente esta aventura. Hoxe, día no que o Depor gañou o seu oitavo Teresa Herrera consecutivo, amosando pequenos raios de luz ao final do túnel, volto con ilusións renovadas, que explicarei no vindeiro post. Saudos a todos, se é que ainda fica por aquí alguén.
Subscribe to:
Posts (Atom)
