28.8.06

Depor 3 - Zaragoza 2: Ilusionante con matices

Entretido partido o de esta tarde-noite en Riazor. O Zaragoza reforzouse moi ben este ano, e ten moita calidade e creación no medio do campo, con Aimar e D'Alessandro (que sonara o ano pasado como fichaxe do Depor) como líderes. Chegou á Coruña coa intención de controlar o balón buscando combinacións ao primeiro toque, e conseguiu ser na miña opinión o mellor equipo sobre o terreo de xogo, marcando dous golazos. Agora ben, o Depor plantou cara con moita seriedade, forza e ilusión, e tivo as doses necesarias de sorte nos tres goles: o primeiro despois dun falso remate de Bodipo que se converteu nun pase perfecto a Juan Rodriguez; o segundo nun penalti que non se pita nunca e que tirou bastante regular Sergio; e o terceiro nun erro defensivo que deixou só a Capdevila para rematar en semierro un balón que foi finalmente empurrado en boca de gol por Arizmendi. Como notas positivas quédome coa seguridade de Aouate, a solidez de Barragán (que hoxe non subiu tanto como outras veces pero estivo moi rápido nas coberturas), os roubos de balón e a presión de Coloccini, a potencia e achegada de Juan Rodriguez, a mellora notable de Arizmendi (regate, velocidade e ata gol, foi un dos mellores do partido e saiu ovacionado), e a habilidade e rapidez de Cristian Hidalgo e Estoyanoff. Cristian Hidalgo xogou algo máis de media hora foi unha das novidades máis positivas do partido, amosando intelixencia, rapidez e moita clase. Vaillo poñer difícil a Caparrós. Como notas negativas quedo coas dúbidas no centro da defensa, que estivo lenta nos dous goles en contra, co pouco que aportou Capdevila, que non debería tardar ao meu ver en ser suplente de Filipe Luis, coa habitual ineficacia e torpeza de Sergio, coa sorprendente lentitude de Riki (esperemos que chegue pronto o xogador rapido e con desborde do ano pasado no Getafe) e coa dificultade para ver gol de Bodipo, que tivo dous remates sinxelos no primeiro tempo que non acertou a dirixir á portería. Outra nota negativa é a carencia de creatividade no medio, sigo dicindo que alguén como Verdú ou Iago sería interesante, e vai seguramente a ser imprescindible contra equipos que se pechen atrás. Hai moito que traballar, pero moitísima ilusión e marxe para a mellora, como admitiu Caparrós na rolda de prensa. A comunión entre o equipo e a afición vaise incrementando, e os xogadores remataron o partido aplaudindo ás bancadas dende o centro do terreo de xogo mentres o estadio celebraba a victoria, algo que había tempo que non se vivía en Riazor nun partido de liga. En duas semanas, esperemos confirmar contra o Mallorca as sensacións positivas e a pulir as negativas. De momento, a falta dos partidos do Barça e o Sevilla, somos segundos na Liga.

26.8.06

Agardando as decisións finais no Depor

Estiven unha semana de vacacións, sen conexión a Internet, sen acceso a prensa, radio ou TV, e cando chego a casa, ávido de novidades sobre o Depor, decátome de que realmente, realmente, a excepción da fichaxe número 15, todo segue igual. O resumo do que aconteceu estes días foi o seguinte:
  • Iago marchaba cedido ao Tenerife pero ao final non marcha. Non se sabe por que marchaba nin se sabe por que finalmente non marcha. Demasiadas incógnitas. Alguén debería sair e aclarar estes temas para evitar que sexan os xornalistas os que fabriquen hipóteses. Eu, persoalmente, e ainda que sexa doloroso un centenario sen galegos, penso que para Iago e para o Depor tería sido mellor a cesión: non vexo que vaia xogar moitos minutos este ano.
  • O de Dagoberto non era máis que outro rumor, non sabemos se con ou sen fundamento. Lástima porque é un crack.
  • Antonio Tomás -como estaba previsto- vai cedido 1 ano ao Racing porque hai overbooking no seu posto. Normal.
  • O dos descartes segue todo igual. Hai rumores de que uns marchan e outros non, de que hai ofertas por un e por outros non, pero nada confirmado. Seguimos á espera.
  • A fichaxe número 15 (ver para crer) é Filipe Luís Kasmirski, un brasileiro-polaco de 21 anos, titular nas categorías inferiores de Brasil como lateral esquerdo, moi ofensivo, que comparan con Roberto Carlos, e que xogou os tres últimos tres anos no Figueirense, o Ajax e o Real Madrid B. Chega ao Depor cedido con opción de compra. Hai quen fala de que podería xogar de interior, pero na altura todo son conxeturas. Moi ilusionante. Por fin outro brasileiro.
Durante a próxima semana quedarán todas as incógnitas resoltas, e poderemos centranos no realmente importante: o fútbol. E para comezar isto, o domingo ás 19:00, en Riazor, recibiremos ao Zaragoza, que aspira a Europa despois de reforzarse bastante ben para este ano.

Fútbol en galego na TV

Hai uns días confirmouse que La Sexta terá os dereitos durante os próximos 3 anos do partido en aberto da Liga os sábados á noite. Todo indica que, salvo sorpresas de última hora, a TVG non entrará no acordo, e só a TV3 catalana e o Canal 9 valenciano emitirán os partidos ao mesmo tempo que La Sexta, pero en catalán. Significa isto o fin da retransmisión de fútbol en galego? Non. La Sexta ven de anunciar que aproveitará as características da televisión dixital para emitir ao mesmo tempo os partidos en galego, catalán, euskera e castelán. Ademáis, R seguirá a ofrecer a posibilidade de escoitar os partidos do Depor e o Celta no Pay per View en galego ademáis de en castelán. Pola miña parte, sigo a botar de menos que alguén ofreza de deixar só o sonido ambiente do estadio.

Fútbol sen palabras

Xa o lera hai unhas semanas citado en varios blogs, a BBC, utilizando a funcionalidade da televisión dixital, está a ofrecer aos seus espectadores unha forma de visualización do fútbol que ata agora non tiña sido explorada polas cadeas: o fútbol sen comentaristas, só con sonido ambiente de máxima calidade e imaxe. Naquel momento pareceume unha idea moi interesante, pero o outro día tiven a oportunidade de ver o Barcelona-Espanyol con esta modalidade de retransmisión e fiquei namorado. Sonido ambiente estupendo, chegando a escoitarse claramente os cánticos das bancadas, os berros dos xogadores en diversos lances do partido, e ata os contactos co balón en todo momento. Fantástica sensación, a máis aproximada a estar en directo no estadio. E o que é máis importante: ningún tipo de comentario absurdo, soso, ou snob dos habituais colaboradores varios das televisiónss. Non ten prezo. Por favor, señores de Canal+, La Sexta, e demáis cadeas, tomen nota.

Nigún equipo é invencible

Despois de xogar algúns partidos espectaculares na pretemporada. Despois de perdoar a vida ao Espanyol no primeiro partido da Supercopa do Rey, e de machacar ao mesmo equipo na volta, xogando a un nivel altísimo. E despois de facer unha exibición de bo xogo e goles no Gamper, aplastando a un dos mellores equipos de Europa. Un día despois de recibir todo tipo de premios europeos.... chegou a dose de realidade: en fútbol, non hai equipos invencibles. Esta noite, con ilusión, unha defensa moi agresiva e ordenada, e as doses necesarias de potencia e calidade arriba, o Sevilla fixo realidade unha vez máis esa máxima, e marcoulle ao Barça 3 goles que ben puideron ser 5. Mentres, Rijkaard non sabía que inventar para tentar crear oportunidades, acumulando ata un total de 6 xogadores moi ofensivos nos últimos 30 minutos. Non serviu. Só Gudjohnsen tivo 2 balóns de ouro, moi claros, que non soubo aproveitar. O resto do tempo todo o mundo puido ver a reiteración dun erro que o equipo catalán comete demasiado frecuentemente: entrar unha e outra vez polo centro do campo. Se a defensa non é inocente, é tarefa imposible, mesmo para magos como Messi ou Ronaldinho. O Sevilla é xusto vencedor, ten 4 ou 5 xogadores impresionantes, e presenta candidatura sólida a loitar por un dos catro postos de Champions este ano. Agora a prensa dirá que o Barça non é un equipazo, buscará a súas debilidades, e irá coma sempre dun extremo ao outro. De esaxeración a esaxeración. Pero a realidade é clara: os mellores equipos tamén perden. E esa é posiblemente unha das grandes virtudes deste deporte.

17.8.06

Que comece xa o fútbol, por favor

Houbo un tempo no que as noticias, cando saían na prensa, eran certas. Un podía asumir que se un xornal publicaba en portada que un clube estaba a piques de asinar un contrato con un xogador, era porque tiña fontes fiáveis. Isto é historia. Agora, os diarios deportivos botan todo o verán a encher as portadas de mentiras con total impunidade. Ver para crer. O último no que os rumorosos din que está interesado o Depor é Dogoberto, 20 anos, internacional nas categorías inferiores de Brasil e figura no Atlético Panaerense. Quen sabe canto hai de verdade e de mentira nisto. Pode ser que mañá sexa xogador do Depor, ou que nunca máis escoitemos falar del. Estamos vendidos ante os creadores de noticias falsas. En fin, mala pinta non ten: Por favor, que remate a especulación e dea paso ao fútbol xa. En 10 minutos comeza a temporada oficial: Espanyol e Barça xogan pola Supercopa de España. Por fin.

16.8.06

Golazo de Verdú a pasada temporada

Son só 10 segundos, pero dan unha idea da calidade desta recente incorporación do Depor.

15.8.06

Cárlos Alcántara, fichaxe número 14 do Depor

Según informa hoxe o DeporSport, diario oficial do Depor, e indica Riazor.org, o Depor está a piques de confirmar á incorporación número 14 deste ano: Cárlos Alcántara, lateral esquerdo do Vilarreal, de 21 anos, que ficharía por 3 ou 4 anos, e que en principio podería ser inscrito con ficha do Fabril.Nas dúas temporadas pasadas xogou unha media de 3 partidos co Vilarreal, e este ano deuse a coñecer algo máis ao participar na eliminatoria da Intertoto. E mentres, El Ideal Gallego di hoxe que Gonzalo Castro podería estar cada vez máis perto do Depor. A configuración das 25 fichas cada vez é máis complexa para Caparrós. Acábase de publicar en Riazor.org unha reflexión sobre isto, indicando que hai 20 prazas xa decididas polo entrenador, e que as outras 5 sairán dunha lista de 10 xogadores (a falta de ver se hai incorporacións):
  • 20 fixos: Aouate, Munúa, Manuel Pablo, Barragán, Lopo, Rodri, Arbeloa, Juanma, Capdevila, Coloccini, de Guzmán, Juan Rodríguez, Cristian, Estoyanoff, Riki; Iago, Verdú, Arizmendi, Bodipo, Taborda.

  • 10 dos que sairán 5: Andrade, Duscher, Sergio, Acuña, Tristán, Scaloni, Pablo Amo, Valerón, Pablo Álvarez , Antonio Tomás (Valerón e P. Álvarez non terían ficha ata decembro por estar lesionados).
Persoalmente, non entendo os bailes con Munúa. Un día está totalmente descartado e o seguinte pasa a ser un dos fixos con ficha. Eu penso que é un porteiro de garantías e que pode ser perfectamente o segundo do Depor, pero estes bailes non benefician a ninguén. A respecto da lista de 10, eu vendería, cedería ou daría carta de liberdade a Duscher, Sergio, Acuña, Tristán, Scaloni e Pablo Amo, e faríalles ficha dende agora aos outros 4 (Andrade, Valerón, P. Álvarez e A. Tomás), reservando unha praza para algunha incorporación de última hora. É importante facer un bloque sólido e unido, e comezar con ese traballo canto antes.

Algúns xa enterran ao Depor

Martín Pernau adicou unha entrada no seu blog ao partido do Depor contra o Milán, na final do Teresa Herrera. O seu veredicto é que o Milán está en crise, non concedendo ningún mérito ao bo partido xogado polo rival. Ademáis, o seu post ten algunhas perlas interesantes:
"El Depor ha hecho de la necesidad, virtud. Club venido a mucho menos, ha tenido que recolectar saldos y retales por doquier para completar su plantilla. Donde antes Lendoiro tiraba de talonario millonario y fichaba extranjeros a docenas ahora llegan chavales jóvenes malqueridos en sus equipos de origen y a Caparrós le toca armar el castillo con esos naipes de segunda mano.Son chavales de buen nivel y categoría a quienes Barça o Madrid no les van a dar ya más oportunidades y han preferido soltarles. Por más pasión que sienta Caparrós por los jóvenes canteranos no creo que fuese eso lo que andaba buscando ni lo que le prometieron, lo que unido a unas cuantas ‘lendoiradas’ tiene al entrenador andaluz sumido en la irritación permanente. Hay quien pronostica que la espiral decadente del Depor de Lendoiro le llevará indefectiblemente a Segunda. Es posible. Desde luego, este equipo no va a plantear ninguna propuesta futbolística de alto nivel. No tiene jugadores para realizarla."
Despois engade algunha palabra amábel e de confianza en Caparrós, que non compensan as machadas anteriores. A ignorancia dos xornalistas de Madrid e Barcelona a respecto do que foi a historia recente do Depor é manifesta. O seguimento a distancia non lles permite caer nos detalles que os que vivimos o dia a dia aquí coñecemos e temos en conta. Sen ir máis lonxe, o tan famoso SuperDepor foi construido sobre un conxunto de xogadores descartados por outros equipos, que viviron na Coruña unha segunda xuventude, como foi o caso de Nando ou Aldana, xunto con estranxeiros que non foron disputados aos grandes clubes europeos, senón que chegaron aquí con modestia e humildade e coroaronse como as figuras de referencia. Fran era da canteira. López Recarte, Voro, Ribera ou Claudio Barragán non eran precisamente "galácticos". E Djukic chegou ao Depor sendo un completo descoñecido. Con isto, o Depor gañou unha Copa do Rey. Despois, na "segunda lección" de Lendoiro, na etapa na que se gañou a Liga, moitos dos xogadores chave tampouco foron compras millonarias ou superestrelas. Parte da columna vertebral daquel Depor foi construida cos remendos que soltou o Atlético de Madrid ao descender a segunda (Valerón, Molina, Capdevila), e Fran ou Mauro Silva continuaron a ser pezas chave durante moitos anos. Víctor foi un descarte do Madrid. De feito, algúns dos fichaxes máis caros do Depor non deron os resultados esperados, como é o caso de Sergio (sempre moi criticado na Coruña), ou mesmo o de Toro Acuña. En definitiva, nin o Depor deste ano vai ser o Barcelona, nin hai que enterralo antes de tempo e dicir falsedades sobre a importancia das fichaxes millonarias nos últimos anos. De feito, penso que se algo amosa a historia recente do Depor, é que Lendoiro cando fichou mellor foi cando tivo menos diñeiro para facelo.

Irureta e a nova etapa no Betis

Fun e son antiiruretista. Non aturei a amarrategui en todos os anos que estivo na Coruña. Non me gusta como xestiona a relación cos xogadores, coa directiva, co estadio, coa prensa; non me gusta o seu estilo de xogo conservador e defensivo. Vin case todos os partidos do Depor mentres el era o entrenador, e a miña opinión mantívose sempre estábel temporada tras temporada. Son consciente de que é o entrenador co mellor palmarés da historia do Depor, o cal ten o seu mérito, pero tamén foi o que tivo con moita diferencia a mellor plantilla, que nos seus primeiros anos era considerada por moitos xornalistas a máis completa e compensada da liga española. Non lle perdono o que fixo con Djalminha. Non esquenzo as ducias de tardes e noites de fútbol soporífero en Riazor. Como persoa non o coñezo nin o xulgo, como entrenador, non é o meu estilo. Durante os anos na Coruña, nunca o estadio coreou o seu nome, e os críticos con el contáronse sempre por miles... tendo en conta os bos resultados do equipo, isto da unha idea clara da pobreza do xogo que puidemos ver na maior parte das temporadas. Agora, despois dun ano en branco comentado na radio e TV, comeza unha nova aventura no Betis. Na pretemporada non lle pode estar indo peor. Dos catro últimos partidos, con rivais mediocres, incluindo dous equipos de segunda división, empatou tres e perdeu hoxe o último por goleada (3-1) fronte ao Sporting de Braga. En Sevilla comezan a aparecer as primeiras críticas ao xogo dos de Irureta, e isto non fixo máis que comezar.

Máis fichaxes para o Depor 2006/2007?

Hoxe, no programa El Largero da Cadena Ser, afirmaron que o Depor estaba interesado no extremo de 21 anos Gonzalo "Chory" Castro, xogador do Nacional de Montevideo. Xa houbera rumores con anterioridade, e nunha entrevista no Ideal Gallego o propio xogador amosábase sorprendido e ilusionado coa posibilidade. Tamén hai quen o sitúa xa no Betis. Xa sabemos as reservas coas que hai que interpretar os rumores de verán, pero... indica isto que a lista de fichaxes do Depor para este ano ainda pode medrar? Veremos nas vindeiras semanas o que acontece. Mentres, Lendoiro terá cada vez menos tempo para resolver os casos Acuña, Tristán, Scaloni, Munúa, Acuña, Dusher e Pablo Amo...

14.8.06

Voltou Messi

Onte non podía durmir e estiven a ver, de madrugada, o derradeiro partido da xira 2006 do Barça por norteamérica. Despois de xogar só uns minutos no partido anterior, nesta ocasión Messi xogou o segundo tempo completo, e voltou a ser o que era antes da lesión de marzo: un xenio. Deu dúas asistencias, meteu un golazo, e cansouse de mover o balón con intelixencia e de xogar con verticalidade. Algún día alguén debería darlle as gracias a Peckerman por ternos impedido disfrutar deste xogador no Mundial. Inperdoábel. En calquera caso, boas noticias para o fútbol: voltou Messi.

7º Teresa Herrera consecutivo para o Depor

Hoxe estiven en Riazor para a final do Teresa Herrera. Como tiña tempo pola tarde, achegueime a ver o Atlético de Madrid - Nacional de Montevideo, un partido totalmente soporífero. 2-1 para o Atlético, gañou o menos malo. O Nacional, moi inocente, non fixo nada. O Atlético, sen Torres e co mediático Agüero soamente no segundo tempo (non tocou un balón), limitouse a enviar algún que outro pase longo decente a Kezman, que tivo 4 ou 5 oportunidades clarísimas das que meteu unha, e de miragre. Partido para esquecer. O estadio estaba valeiro, menos xente que nun día de entrenamento. A final foi outra cousa. O público de Riazor precisaba urxentemente de ilusión, bo xogo, e algún que outro resultado positivo (ainda que fora un trofeo de verán). Os dous últimos anos foron unha tortura, e cando moitos non daban un duro polo futuro do clube, Lendoiro e Caparrós semellan ter logrado crear, ao segundo intento, un proxecto que, como mínimo, chama á xente. Consecuencia: unha entrada moi boa para mediados de agosto, e un ambiente "de Champions" dende os primeiros minutos. En todo o ano pasado nunca vin á xente animar como se animou hoxe. A presencia de novas caras (8 dos titulares hoxe son novas incorporacións), permite comezar de cero de verdade, esquecendo rencores e pesimismos, e iso notouse en todo momento no estadio. Gustáronme Lopo e Arbeloa atrás, moi serios e seguros, ainda que hai que velos máis para poder emitir opinións sólidas. Coloccini está perdido por momentos no centro do campo, pero tamén ten algunhas cousas impresionantes, como a capacidade para recuperar balóns e sair ao contraataque: merece un pouco de confianza nese posto. Barragán penso que pode ser a fichaxe do ano para o Depor, porque ten velocidade, técnica e colocación e transmite moita ilusión, se mantén a liña, penso que merece ser titular. Riki non semella ter collido a velocidade do ano pasado ainda (pareceume algo lento hoxe), pero aporta sempre calidade e gol na banda esquerda. Bodipo correu e desmarcouse máis hoxe nos primeiros 10 minutos do partido que Tristán en todo o ano pasado. Fichar xente de 20-e-pico é arriscado, pero ilusiona e transmite ao público que o futuro importa. Mackay estivo nervioso nalgunhas ocasións (non era para menos), pero fixo 3 ou 4 paradas de mérito e amosou boa colocación e unha grande axilidade. Agradécese o ar fresco, por fin. Como notas negativas: Rodri non semella cómodo na banda esquerda. Sergio non está á altura para ser o lider do Depor, a min sóbrame entre os titulares. Juan Rodríguez ten moita presencia e chegada, pero non é un organizador-creador, e bótase de menos a alguén do perfil de Verdú ou Iago, polo menos que teñan a oportunidade de demostrar se teñen sitio ou non. 3 pivotes é demasiado. Co Milán pode funcionar, pero con equipos pequenos que se fechen atrás, imos precisar máis xente con imaxinación arriba. De todos modos, as sensacións hoxe foron -coas debidas reservas- moi boas. Pode que este si sexa o ano da "terceira lección" de Lendoiro, ainda que queda moitísimo camiño por percorrer. O tempo dirá.

Benvidos a "100 anos de fútbol"

Queridos leitores futuros (porque neste momento ninguén sabe que este blog existe, e porque espero que os haxa dentro duns días), son un socio do Deportivo da Coruña e -en parte por isto- un namorado do fútbol, como quen di, un ninguén. O dia 13 de agosto de 2006, no descanso da final do trofeo Teresa Herrera, arredor das 23:52, apareceu na miña cabeza a posibilidade de crear un pequeno blog-terapia, que me permita deitar nel as miñas sensacións, ideas e teorías sobre o Depor e o fútbol en xeral. Ata agora limitábame a ler outros blogs sobre fútbol (algúns deles, os máis recomendáveis, irán aparecendo nos meus posts de xeito natural), e a comentar aquí e acolá algunhas cousas en diversos foros deportivos de Internet, pero agora chegou o momento de ter un modesto veículo de expresión propio. Desexádeme sorte!