Por un momento temos que esquecer que Valerón segue "castigado" e que non xogamos ao fútbol. Este deporte é, como todos pero máis que ningún outro, un estado de ánimo. Poucas verdades máis grandes e indiscutíveis. E nós, neste estado actual de confianza, crendo que podemos, xogando defensivamente por cima das nosas posibilidades, e coa sorte de cara nas poucas oportunidades xeradas, podemos dar guerra a calquera. O Sevilla tampouco tivo o día, saiu con pouca convicción, e perdeu; somos cuartos, empatados con eles que son terceiros; segunda xornada consecutiva en Champions, e o estadio cun ambiente que non se vivía dende fai moitos anos, coa xente sorrindo e frotando os ollos para confirmar que non é un soño. Que bonito foi o que vivimos uns anos atrás. Estes momentos de gloria, que todos intuimos, sabemos, que deberían ser efímeros, danlle unha forza ainda maior a aquelas tardes de Superdepor, aquelas temporadas nas que case todas as xornadas eran máxicas. Que afortunados somos, os amantes do fútbol da nosa xeración, por poder ter disfrutado dos últimos 15 anos deste equipo.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment