21.9.06
Bodipo: volta o meigallo
No partido no que por fin lograba un gol co Deportivo, no campo do Laracha, de novo, como no caso de Valerón, nunha xogada na que non houbo violencia de por medio, nun mal apoio, Bodipo fixo anacos o seu xeonllo dereito: rotura de ligamento cruzado anterior. Perderá case toda a temporada.
O segundo gol, para un resultado final de 0-2, marcouno Estoyanoff, pero iso xa foi o de menos.
Non hai nada peor para un futbolista profesional (nin para calquera persoa que ame o deporte, engadiría) que unha lesión deste tipo: longa, delicada e complexa. Dende aquí transmítolle todo o meu apoio e os meus ánimos, e que a recuperación sexa o máis rápida posible.
Queda por ver se isto motivará algún reforzo de última hora para a dianteira. Saberémolo nos próximos días.
18.9.06
É tan baby o novo Depor?
Unha de estatística. Fálase moito do babydepor (aproveito para dicir que non me gusta o alcume), pero pouco de canta é realmente a diferencia de idade con outros equipos relevantes da liga. Vexamos.
A alineación da última xornada foi: Aouate (28), Capdevila (28), Lopo (26), Arbeloa (23), Barragán (19), Sergio (29), Coloccini (24), Juan Rodríguez (24), Arizmendi (22), Cristian (23), Riki (26). A media de idade é de 24,75 anos.
Comparemos coa do Barcelona desta semana: Valdés (24), Silvinho (32), Márquez (27), Puyol (28), Zambrotta (29), Edmilson (30), Messi (19) , Xavi (26) , Deco (29), Ronaldinho (26), Etoó (25). A media é neste caso 26,82 anos.
E agora coa do Madrid do domingo: Casillas (25), Cicinho (26), Sergio Ramos (20), Cannavaro (33), Roberto Carlos (33), Emerson (30), Diarra (25), Reyes (23), Guti (30), Raúl (29), Van Nistelrooy (30). Media de 27,64 anos.
O Sevilla: Palop (32), Daniel Alves (23), Javi Navarro (32), Escudé (27), David (32), Jesús Navas (20), Poulsen (26), Renato (27), Adriano (22), Kanouté (29), Kepa (22). A media sevillista é de 26,55 anos.
E o Valencia: Cañizares (36), Miguel (26), Ayala (33), David Navarro (26), Regueiro (28), Joaquín (25), Marchena (27), Edu (28), Vicente (25), Villa (24), Morientes (30). Dando unha media de 28 anos.
Resumindo, o novo Depor tiña na última xornada, no 11 titular, 2 anos de media de idade menos que o Barcelona e o Sevilla, 3 que o Madrid, e 3,5 que o Valencia.
Suficiente para merecer o nome do babydepor? Pode ser, ainda que o verdadeiro reto de Caparrós non é a idade dos seus futbolistas, senon a inexperiencia que teñen bastantes deles na primeira división ou como líderes de equipos que aspiran a algo nunha liga punteira.
17.9.06
Duscher e a importancia da unidade
Segunda parte. Segundo gol do Deportivo. Capdevila sentencia o partido. O público en Riazor estoupa de ledicia. Caparrós corre pola banda e o banquillo celebra o gol. Todos os xogadores do Deportivo corren inmediatamente á liña de fondo a formar unha piña ao máis puro estilo Barça-de-Ronaldinho. Descontando a Aouate, que celebra o gol no outro extremo do campo, só un xogador semella estar alleo á festa colectiva: a uns metros, Duscher camiña só, cabeza abaixo, pensativo, cara ao seu campo.
Final do partido. Segunda victoria consecutiva en casa do novo Depor. Lopo chama a todos os seus compañeiros ao medio do campo, para aplaudir ao público, para aplaudirse polo partido realizado. Costumes que non se deben perder. Dez xogadores do Depor e toda a afición en busca da comunión perdida en anos pasados. Só falta un: Duscher, que nada máis o árbitro indicou o final do partido marchou, con presa, de novo cabeza abaixo, para o vestiario.
Este tipo de actitudes son as que minan a uns xogadores e un entrenador que están facendo da unidade unha das súas armas principais.
Unha venta a tempo é unha victoria.
Depor 2 - Villareal 0: sen creación pero con moitas cousas
O Villareal chegaba a Riazor tocado: despois de reforzarse moi ben durante o verán a base de talonario, comezara a liga como un dos equipos que debían loitar durante o ano para estar na Champions, pero tras empatar no Bernabeu na primeira xornada e de perder en casa a pasada semana contra o Recre, chegaba cargado de dúbidas. O sorprendente é tentar facer fronte a estas dúbidas con Cani e Forlán no banquillo, pero hai tempo que abandonei a idea de entender aos entrenadores.
Nun partido irregular, o Depor, sen xogar fútbol total, e sen creatividade nos tres cuartos, pero coa seriedade, ilusión, entrega, unidade, velocidade, presión, solvencia e sorte do primeiro partido de liga, gañou sen grandes dificultades. Cando o partido estaban comezando, Capdevila rompeu a escuadra nun disparo cruzado a perna cambiada dende 30 metros. Impresionante. O Depor administrou a vantaxa sen moitos problemas ata que na segunda parte unha falta moi ben sacada por Riki o balón cae a 3 metros da portería nos pes de Capdevila de novo, que marcaba con tranquilidade o segundo. O Villarreal tivo algunha ocasión puntual, moi ben resolta por Aouate. Hai porteiro. O resto do tempo adicáronse a dar leña, a xogar sucio, a buscar a perna dos xogadores do Depor. Seguindo o ritmo do desgraciadamente famoso Peña, que paradóxicamente se retirou lesionado, encamiñaron a sua frustración da forma máis fea posible.
Caparrós, como se esperaba, cambiou o plantexamento (non)ofensivo, abandonou o cuatrivote e apostou por Arizmendi e Cristian nas bandas, e Riki en punta. Riki é moitísimo mellor que Bodipo, ten potencia, rompe a pelota, vai pouco a pouco adquirindo a súa velocidade, protexe moi ben o balón, e ten un regate en corto fantástico. Queda por ver cantos goles será capaz de aportar cando teña un conxunto de partidos seguidos, pero promete moito, e saiu ovacionado de Riazor. Cristian non chega ao 1,70, ten cara de despistado e pouca forza, pero suple isto con un ritmo frenético, moita velocidade e un fantástico regate. Aportou moito hoxe e saiu ovacionado tamén no seu troco. Arizmendi, pola sua parte, ainda que non xogou un partidazo, segue aportando cousas, ten un fondo físico tremendo e unha velocidade en carreira espectacular. A súa arrincada de 60 metros nos últimos minutos do partido merecía rematar en gol. A liña ofensiva non está mal, o problema está na creación, coma sempre: Valerón non está, e os que teñen o perfil máis próximo (Verdú e Iago) non contan para Caparrós de momento. As alternativas de Juan Rodríguez e Sergio non funcionan en ataque, merecendo este último unha mención especial ás suas pedradas. Haberá que esperar para ver fútbol total en Riazor. A defensa, iso si, segue bastante seria e solvente, con Barragán en plan estrela (potencia, anticipación, descaro, chegada). E diante dela, Coloccini fixo un partido soberbio, cortando balóns constantemente e sacándoos con criterio.
O Depor ten carencias, como é lóxico, pero segue a aportar moitas cousas e a ilusionar, que é agora mesmo o importante. Os comezos de temporada marcan máis a traxectoria no campeonato do que moitas veces pensamos.
15.9.06
Volta das vacacións: recapitulemos sobre o Depor
Estiven 15 dias de novo desconectado, e pasaron moitas cousas neste tempo. Uns chegaron e voltaron a marchar cedidos, como é o caso de Alcántara (sorprende o overbooking nalgúns postos). E a outros por fin non os teremos que aturar nunca máis, nin futbolísticamente nin como persoas, o caso de Tristán ou Scaloni. Sorte aos que os levan. As telenovelas da pretemporada foron pouco a pouco rematando -ainda quedan fios, seino- e deixando o seu espazo ao fútbol.
A semana pasada, no segundo partido de liga, Caparrós optou polo cuatrivote (Duscher, Sergio, Coloccini e Juan Rodriguez), con Riki e Arizmendi como únicos homes ofensivos. O resultado, con esa alineación e un equipo rival con moitas carencias, foi o esperable: empate sen goles. Caparrós apurou a dicir que xogara con dous dianteiros, pero claro, un equipo con 2 dianteiros e 8 defensas segue a ser un muro e é imposible que xogue a algo. E así o viu todo o mundo: a prensa de Mallorca (afirmaron que o Depor fora o equipo máis defensivo que visitara Mallorca en anos), os xornais deportivos xeralistas, as radios, os comentarios da xente na Coruña, e ata algúns dos xogadores (Coloccini comentaba na Voz que o partido fora "mezquino"). Esperemos que non se repita, nin a actitude nin o tostón de partido que non daba nin para 1 minuto de resumo. Non pasou absolutamente nada.
E mañá, Depor-Villarreal. Caparrós tentará, se se cumplen as previsións para a alineación da prensa, lavar un pouco a sua cara despois das críticas. Que así sexa, polo ben do fútbol.
Subscribe to:
Posts (Atom)