1.10.07

Mellor xogo, igual resultado: Espanyol 1 - Dépor 0

A solución de Lotina foi facer 6 cambios respecto ao equipo que xogara contra o Recre. Por fin Filipe pola esquerda. Por fin De Guzmán por Juan Rodríguez. Por fin Verdú de titular (ainda que fora de sitio). Na defensa, Lotina fulminou a Aythami despois dun só partido (de novo exercendo de psicólogo) e deulle a titularidade a Adrián López "Piscu". Ademáis, colocou de titular a Xisco, que non xogara nin un minuto na liga, de suplente a Riki, que fora dos mellores no partido anterior. E mantivo no equipo aos nulos Sergio e Lafita, os únicos que incomprensiblemente parecen indiscutibles no megamix que partido tras partido Lotina fai coa alineación inicial. Barragán -vaino afundir, tempo ao tempo- e Taborda, supostamente os culpables do mal partido anterior, non foran nin convocados. A estas alturas xa temos bastante claro que o novo entranador do Dépor di constantemente unha cousa e fai outra. Di que cre no fútbol de toque e non lles da a titularidade indiscutible aos "tocadores". Di que lle gusta Pablo Álvarez e non lle da nin un minuto para que poda aportar ao equipo. Di que cre nos equipos estables nos que a xente sabe o 11 inicial de memoria e fai cambios sen ton nin son unha xornada tras outra. A teoría e a práctica non coinciden para o señor Lotina, que comeza a contar os detractores en Coruña -e non leva aquí nin dous telexornais- por ducias. É certo que o xogo foi mellor que nos partidos anteriores, e que un resultado xusto tería sido o 0-1 ou incluso 0-2, pero tamén é verdade que seguimos a ter graves problemas pola escasa aportación en ataque de xogadores como Lafita ou Sergio. Ademáis, Xisco ten forza, pero carece totalmente da calidade necesaria para xogar en primeira división, como se puido ver en varias oportunidades clarísimas que non soupo aproveitar. Podemos estar xogando dez anos que non metemos gol. Levamos 3 en 6 partidos, e somos xa o equipo menos goleador do campeonato, empatados cos colistas tamén niso. As nota máis positiva a aportación ofensiva de Filipe, claramente merecendo a titularidade, entendéndose ben con Verdú e Guardado. Piscu estivo correcto, ainda que o gol veu dun erro na marcaxe ao non cubrir a Tamudo nin el nin Coloccini. Estamos nunha situación complicada, terceiros pola cola e cos tres próximos partidos contra o Sevilla, Valencia (en casa) y Madrid. Temos que tentar como sexa gañar un deles, polo menos. De todos modos, isto non fixo máis que comezar. Hai que quedarse con que xogando un pouco mellor, e se por fin Lotina retira do 11 inicial a Sergio e Lafita, poderemos polo menos loitar por ir saindo da zona de perigo para ter un pouco máis de tranquilidade. Se non é así, Lendoiro terá moi complicado cumplir co que dixo hai unha semana, cando afirmou que tiña a intuición de que Lotina estaría aquí máis tempo que o seu clon o señor Iruretagoyena.

No comments: