28.8.06

Depor 3 - Zaragoza 2: Ilusionante con matices

Entretido partido o de esta tarde-noite en Riazor. O Zaragoza reforzouse moi ben este ano, e ten moita calidade e creación no medio do campo, con Aimar e D'Alessandro (que sonara o ano pasado como fichaxe do Depor) como líderes. Chegou á Coruña coa intención de controlar o balón buscando combinacións ao primeiro toque, e conseguiu ser na miña opinión o mellor equipo sobre o terreo de xogo, marcando dous golazos. Agora ben, o Depor plantou cara con moita seriedade, forza e ilusión, e tivo as doses necesarias de sorte nos tres goles: o primeiro despois dun falso remate de Bodipo que se converteu nun pase perfecto a Juan Rodriguez; o segundo nun penalti que non se pita nunca e que tirou bastante regular Sergio; e o terceiro nun erro defensivo que deixou só a Capdevila para rematar en semierro un balón que foi finalmente empurrado en boca de gol por Arizmendi. Como notas positivas quédome coa seguridade de Aouate, a solidez de Barragán (que hoxe non subiu tanto como outras veces pero estivo moi rápido nas coberturas), os roubos de balón e a presión de Coloccini, a potencia e achegada de Juan Rodriguez, a mellora notable de Arizmendi (regate, velocidade e ata gol, foi un dos mellores do partido e saiu ovacionado), e a habilidade e rapidez de Cristian Hidalgo e Estoyanoff. Cristian Hidalgo xogou algo máis de media hora foi unha das novidades máis positivas do partido, amosando intelixencia, rapidez e moita clase. Vaillo poñer difícil a Caparrós. Como notas negativas quedo coas dúbidas no centro da defensa, que estivo lenta nos dous goles en contra, co pouco que aportou Capdevila, que non debería tardar ao meu ver en ser suplente de Filipe Luis, coa habitual ineficacia e torpeza de Sergio, coa sorprendente lentitude de Riki (esperemos que chegue pronto o xogador rapido e con desborde do ano pasado no Getafe) e coa dificultade para ver gol de Bodipo, que tivo dous remates sinxelos no primeiro tempo que non acertou a dirixir á portería. Outra nota negativa é a carencia de creatividade no medio, sigo dicindo que alguén como Verdú ou Iago sería interesante, e vai seguramente a ser imprescindible contra equipos que se pechen atrás. Hai moito que traballar, pero moitísima ilusión e marxe para a mellora, como admitiu Caparrós na rolda de prensa. A comunión entre o equipo e a afición vaise incrementando, e os xogadores remataron o partido aplaudindo ás bancadas dende o centro do terreo de xogo mentres o estadio celebraba a victoria, algo que había tempo que non se vivía en Riazor nun partido de liga. En duas semanas, esperemos confirmar contra o Mallorca as sensacións positivas e a pulir as negativas. De momento, a falta dos partidos do Barça e o Sevilla, somos segundos na Liga.

No comments: