8.9.07
Lotina non coñece aos seus xogadores
É un caso común a todos os entrenadores que van chegando a equipos secundarios, ano tras ano. O mundo coñece a fondo as cualidades dos xogadores do Madrid, o Barça ou o Valencia -todos poderíamos facer unha alineación competitiva neses casos-, pero cando toca analizar os equipos de metade da táboa, menos televisados, moito menos repetidos e comentados durante a semana, hai moitísimo descoñecimento. Un seguidor medio do Depor, que ve 3 partidos do Almería ao ano, pouco sabe da posición na que se sinten mellor os seus xogadores, ou de cales aportan máis e cales menos. O que sorprende máis, porque son profesionais do tema, e porque se lles presupón unha cultura xeral futbolística, é que os entrenadores reproduzan este tipo de problemas, unha vez tras outra, cando chegan a un equipo pequeno.
Así, podemos ver casos como a recomendación de fichaxe de Tristán por parte do Mallorca no ano pasado, cando na Coruña ninguén daba un duro polo que hai uns naos era -na miña opinión- o mellor dianteiro español. Así podemos ver como moitos xogadores son colocados fora de sitio (Verdú de media punta, por colocar un exemplo recente). E así podemos ver como ano tras ano, ou trienio tras trienio, chega á Coruña un novo entrenador, que confía totalmente en Sergio como catalizador do xogo do Deportivo. Calquera que teña visto 20 partidos ao ano do xogador catalán durante as últimas temporadas, sabe perfectamente que Sergio aporta moi pouco ao equipo, resta moito en concentración e calidade, e sobre todo sabe que nunca -nin nos seus mellores tempos no Español- tivo a suficiente clase como para organizar o xogo de ninguén.
Agora está claro. De novo está a suceder. Lotina non coñece aos seus xogadores. Onte, nun partido amistoso que el mesmo calificou de urxente, sacou moitas conclusións importantes -a boas horas-. Descubriu que Verdú aporta xogo ao equipo (obvio), e que debe ser titular (a ver se é certo). Todo así, de súpeto, como se caera dun guindo, como se non tivera visto a estes xogadores nunca antes na súa vida. Como Clemente cando chegou a Serbia e tivo que buscar un asesor para facer a convocatoria da selección. Todo sorprendente como a alineación de titular de Rodri, un mes despois de estar descartado e un día antes de marchar como cedido (Rodri ainda debe estar buscando a un psicólogo que lle explique o sucedido). Sorprendente como que Pablo Álvarez, o mellor na pretemporada, loubado durante semanas por Lotina, non xogara ainda un minuto na Liga. Sorprendente como falar en público, repetidamente, dos defectos defensivos dos seus xogadores (sobre todo de Barragán e Filipe), algo de escasa elegancia. E sorprendente -sobre todo- como as palabras que tivo onte o entrenador sobre o descartado e ignorado Antonio Tomás despois do partido en Portugal: "Antonio Tomás nos da fútbol y puede aportarnos cosas importantes".
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment