5.9.07
O potencial de Andrés Guardado
Unha serie de destellos no medio de soporíferos partidos do seu equipo, están a ser suficientes para que os seguidores do Deportivo vexan que Andrés Guardado non é un xogador normal, senón un proxecto de superclase, un xogador con posibilidades de chegar a ser, en dous ou tres anos, se a súa evolución é a esperada, un referente nalgún dos mellores equipos do mundo. Ten unha mestura de calidade, velocidade, e entrega moi complicadas de ver xuntas, e todo isto cunha cabeza que semella bastante ben amueblada e unha vida familiar estable e tranquila. Pouco a pouco, comezamos todos a comprender por que é tan querido en México, e no Atlas, tal e como se pode ver no seguinte video:
A principal dúvida a día de hoxe, tal e como se están a producir os acontecementos, é se vai ser quen Guardado de tirar, con 20 anos, dun equipo con escasez de recursos, ou se a dinámica negativa coa que comeza o Deportivo 2007/2008 de Lotina e Lendoiro vai ter máis forza que el, e ambos -equipo e xogador- van sair perxudicados e a ver limitado o seu crecemento. Eu, como para chorar sempre hai tempo, vou ser optimista, e apostar porque o mexicano vai ser unha das revelacións da liga, e unha peza chave para consolidar ao Deportivo na zona tranquila de metade da táboa. Quizais a consecuencia disto sería que alguén pagaría a súa non moi elevada cláusula, pero todo sexa polo ben de Andrés e da delicada economía do Dépor.
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment